O socialista Alberto Varela será o novo presidente da Fegamp
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, será o novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así o confirmou este sábado o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.
A presidencia deste organismo para o próximos catro anos correspóndelle ao PSdeG-PSOE tras os bos resultados electorais logrados o pasado mes de maio, despois das cales gobernan tres das catro deputacións e cinco das sete principais cidades de Galicia.
Coa súa figura, sinalou Caballero, os socialistas queren "representar o compromiso co municipalismo" e unha "nova xeración" que reflicte a Galicia que "queremos para o futuro".
Pola súa banda, Alberto Varela agradeceu a confianza mostrada nel e avanzou que nesta nova etapa será o "maior defensor" do municipalismo galego.
"Os concellos estamos moi afeitos a que a Xunta nos poña deberes e nos transfira competencias que nunca veñen acompañadas de partidas orzamentarias, así que defenderemos a autonomía local", explicou o alcalde de Vilagarcía.
A administración local, engadiu, é a "máis próxima" á cidadanía polo que reclamou unha distribución "xusta" destas competencias e dos fondos para desempeñalas.
A Fegamp, que representa ao conxunto de municipios galegos, elixirá a Varela como o seu novo presidente nun pleno que se celebrará o próximo 29 de novembro.
Relacionadas:
-
Os alcaldes socialistas esíxenlle á Xunta un modelo de financiamento como o da Deputación
Por Redacción |
-
Os socialistas pontevedreses "gastarán moito os zapatos" na campaña electoral
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE márcase como obxectivo para o 10-N conseguir un cuarto deputado na provincia
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |