Un plan especial de tráfico facilitará a participación e estacionamento no Samaín Briz
Por Redacción
A Finca de Briz transformarase a próxima semana para deixar de ser por un día Parque dos Sentidos e converterse en Parque do Terror. Será durante a tarde e a noite do próximo xoves 31 de outubro con motivo da nova edición do Samaín Briz, para a que xa se están ultimando todos os preparativos, entre eles, un plan especial de tráfico.
Así, entre o luns 28 e o mércores 30, os accesos á finca estarán restrinxidos para as labores de decoración. Unicamente estarán abertos os accesos á escola de música, ao quiosco e ao edificio de asuntos sociais, que seguirá funcionando no seu horario habitual.
O mesmo día da festa, o xoves 31, a finca permanecerá pechada durante todo o día ata que cheguen as 18.30 horas, momento no que abrirá as súas portas o Samaín Briz.
O día 31 tamén haberá cortes puntuais na iluminación pública para poder conseguir a escuridade que precisan as camiñadas de terror e de espanto e os organizadores puxeron en marcha un plan de aparcadoiro específico no que se habilitan parcelas de estacionamento disuasorias.
En concreto, estarán preparadas para o estacionamento a parcela de Ponte Zapal, a máis próxima á Finca de Briz; a zona de Praza de España e parcelas nas rúas Inferniño, República Arxentina, Concepción Arenal e Sagrada Familia. Ademais, a Rúa Exército e Mariña, que bordea á Praza de Abastos, estará habilitada en dirección única descendente, tal e como se fai nos días de mercado, polo que haberá posibilidade de estacionar en toda a marxe esquerda do vial.
A festa aspira a converterse en referencia en Galicia no calendario de outono e conta coa implicación do Concello de Marín, a Fundación Juan XXIII e a comparsa Os Da Caña, que xa están ultimando os preparativos necesarios para ambientar todo o espazo.
Os organizadores programarán dúas camiñadas: unha de espanto para principiantes e outra de terror para valentes. As dúas rutas repetiranse por grupos cada cinco minutos, de maneira ininterrumpida, entre as sete da tarde e as nove da noite as de espanto e entre as sete e a medianoite as de terror.
É obrigatorio adquirir un ticket na entrada principal da Finca previamente. Aínda que as portas abrirán ás 18.30 horas, a partir das 18.00 xa se empezarán a repartir tickets entre as persoas que estean facendo cola diante da finca, co obxectivo de axilizar o máximo posible este trámite.
A organización aconsella que os menores de 12 anos estean acompañados por un adulto e lembra que haberá postos de castañas, filloas, rosquillas, churros, choripán e chocolatada. Ademais, instalaranse algúns postos de venta e de exposición de artesanía, incluíndo as creacións dos participantes no obradoiro de cabazas que terá lugar o xoves pola mañá na Alameda de Rosalía de Castro.
Relacionadas:
-
Máis de 3.000 participantes consolidan o Samain Briz como festa de referencia
Por Redacción |
-
O Samaín de Briz non ten medo da choiva
Por Redacción |
-
A cativada do colexio de Ponte Sampaio pásao en grande coa festa do Samaín
Por Redacción |
-
A Policía Local de Marín detecta infraccións en terrazas de diversos locais de hostalería
Por Redacción |
-
O Concello de Marín realiza tarefas de mantemento na Finca de Briz
Por Redacción |
-
O Samaín Briz será o 31 de outubro e incorporará un obradoiro de cabazas e un espazo gastronómico
Por Redacción |
-
Marín comeza a preparar a nova edición do Samaín Briz
Por Redacción |
-
O Concello de Marín valora como "moi positiva" a masiva festa de Samaín na Finca de Britz
Por Redacción |