A colaboración veciñal permite desmantelar un "punto negro" de venda de drogas
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra, no marco da denominada Operación Marte, procederon á detención dunha persoa como presunto autor dun delito contra a saúde pública, cometido dende un piso da cidade de Pontevedra.
Segundo fontes oficiais os feitos remóntanse a mediados do pasado mes de xuño, cando se recibiu unha información na que se daba conta de que nun portal da Avenida de Lugo de Pontevedra de movementos sospeitosos que se estaban a realizar, ao que poderían estar relacionados coa venda ao miúdo de substancias estupefacientes nun dos pisos do edificio, coas conseguintes molestias que estaba a causar aos veciños.
Coa información recibida, os investigadores someteron a vixilancias e seguimentos o inquilino do piso, comprobando como efectivamente dende o devandito domicilio se estaba a traficar con substancias estupefacientes.
Unha vez que se acumularon suficientes indicios sobre a ilícita actividade que se estaba a cometer, o pasado día 4 de xullo solicitouse ao Xulgado de Garda de Pontevedra unha orde de entrada e rexistro no domicilio, materializándose esta ao día seguinte, na mañá do día 5 de xullo e procedéndose así mesmo á detención do morador da vivenda.
Dentro do domicilio os axentes incautaron: cocaína, haxix, substancia de corte, básculas de precisión, recortes plásticos para a elaboración de "papelinas" de substancia estupefaciente e outros útiles para a manipulación e adulteración das doses como probetas, muíños, etc.
Todo iso constituía un "mini laboratorio" que o inquilino do piso habilitara para levar a cabo o delito de tráfico de estupefacientes que se lle imputa, ademais de 8.830 euros en efectivo que serían produto da venda da substancia estupefaciente.
O detido é un home, de 54 anos de idade, nacionalidade española, natural de Pontevedra, sen antecedentes policiais.
En canto á substancia intervida contabilizáronse 17 gramos de cocaína, 96 de haxix, e uns 10 gramos de substancia de corte, ademais dos útiles para a súa manipulación xa sinalados.
A investigación foi levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial de Pontevedra, coa colaboración coa Brigada Provincial de Seguridade Cidadá.
Así mesmo, a policía agradece a colaboración veciñal que neste caso permitiu desmantelar un "punto negro" de venda de substancia estupefaciente ao miudo na cidade de Pontevedra.