Moraña quere estender a fibra óptica por todo o rural do municipio
Por Redacción
A extensión da rede de fibra óptica por Moraña segue a avanzar. O goberno municipal asegura que este acceso ultrarrápido a Internet será unha realidade moi pronto no casco urbano de Santa Lucía e nos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos, xa que a empresa Telefónica, encargada desta instalación, está a piques de rematar as obras.
A infraestrutura debería estar acabada ao longo deste mes ou comezos de novembro, polo que é moi posible que as firmas tecnolóxicas permitan conectarse á fibra óptica nestes espazos, cunha velocidade de polo menos 100 megas, antes de que remate o presente exercicio.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, indicou que, tamén a través do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta, estanse a realizar obras de cableado e tendido para efectuar o despregamento desta rede polo rural, que chegará en primeira instancia ás aldeas de Paraños, Chaián, Souto, Alberguería, Corrigatos e Soar e que posiblemente será unha realidade a comezos do vindeiro ano.
Nesta liña, a intención do goberno morañés pasa por seguir estendendo a fibra óptica pola totalidade das parroquias, atendendo á crecente demanda dos veciños, tan pronto como rematen estas primeiras redes rurais.
Por iso, fixou unha reunión coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para o vindeiro xoves 7 para negociar a súa ampliación.