"Non se pode tratar igual ao violador e ao asasino que a unha vítima. Temos que ser belixerantes coa violencia machista"
Por Natalia Puga
"Non nos manteñamos equidistantes nin con posicións difusas. Non se pode tratar igual ao violador e ao asasino que a unha vítima. Temos que ser belixerantes cos asasinatos de mulleres a mans de homes".
A petición, referida os medios de comunicación, realizouna este xoves o xornalista e profesor José María Calleja, responsable da sesión de apertura das xornadas Comunicación, igualdade e violencia contra as mulleres, organizadas na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra co obxectivo de poñer o foco no importante papel dos medios na loita contra a violencia contra as mulleres.
Calleja, ex redactor xefe de CNN+ e na actualidade e profesor da Universidade Carlos III de Madrid, detívose na importancia da linguaxe utilizada polos medios de comunicación e reivindicou: "a nosa obriga é elixir as palabras axeitadas, e as imaxes axeitadas". Non esqueceu que durante décadas os asasinatos de mulleres a mans de homes se chamaron "crimes pasionais" e que na actualidade se publican como un suceso máis.
Ao respecto, valorou que "o asasinato dunha muller a mans dun home non é un suceso, non podemos tratalo como un suceso, non é un home que entre roubar nunha xoiería" e criticou que a día de hoxe "aínda non hai nos xornais unha periodista especializada en este tema" mentres que en todos os xornais locais si que hai un redactor ou redactora que segue ao equipo de fútbol da cidade, "non un que segue a violencia de xénero".
Non todo é negativo para este profesional dos medios de comunicación, que aplaude que na actualidade "se lle chamase polo seu nome" a esta lacra social, aínda que non considera que se poida aplaudir o tratamento mediático actual, no que "hai unha disputa por un termo que estaba consolidada e que hai sectores que pretenden pór en cuestión", en relación á violencia de xénero.
Na actualidade "a batalla está nas palabras" e os profesionais dos medios deben ter en conta que se trata da principal causa de mortes violentas en España e "durante moitos anos, as vítimas non existiron na axenda informativa". Agora é necesario "crear un clima" de apoio ás vítimas.
Xusto antes ca el, na inauguración oficial das xornadas, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou que "existe un innegable nesgo de xénero nos medios de comunicación, e iso que hai leis que o prohiben" e indicou que con esta situación "promóvese a desigualdade de xénero" e prodúcese violencia simbólica. Para ela, xornadas como as celebradas este xoves no campus pontevedrés deben ser "un berro contra esta invisibilidade intolerable".
A mesa inaugural tamén contou coa presenza da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que defendeu que os medios de comunicación son "unha plataforma clave para loitar contra a violencia machista, denunciar as agresións e sensibilizar á sociedade".
O decano de Ciencias Sociais, Xosé Baamonde, reivindicou a necesidade de "lanzar unha mensaxe moi clara contra a neutralidade e a indiferenza" no tratamento informativo da cuestión e o reitor, Manuel Reigosa, sostivo a necesidade de que a Universidade sexa "unha fábrica de cidadáns críticos, que permitan facer unha sociedade xusta e igualitaria".
A investigadora, crítica e ensaísta Pilar Aguilar analizou a situación da muller na ficción audiovisual e denunciou que o cinema é "unha factoría de estereotipos" e unha "máquina de construír emocións" na que a muller aínda aparece "como un complemento". Puxo exemplos de como os estereotipos que transmite o audiovisual teñen como base "o imaxinario e os mapas sentimentais dominantes, que son patriarcais".
As xornalistas Elena Ocampo e Ana González Liste, representantes da recentemente creada asociación Xornalistas Galegas, deron conta dun estudo no que analizaron os artigos de opinión publicados ao longo de 2018 polos sete principais xornais galegos. Fronte aos preto de 27.000 artigos asinados por homes, encontráronse con que pouco máis de 4.000, o 15% do total, foron escritos por mulleres. "Para nós é un reflexo dunha tendencia absoluta a non preguntarse que opina a metade da poboación, que se perpetúa no tempo", valoraron.