Os bombeiros interveñen na praza da Liberdade debido a un pequeno escape de gas
Por Anxo Lourido
Os bombeiros do Parque de Pontevedra acudían ao redor das 18.20 horas deste xoves ata a praza da Liberdade ante a alerta trasladada pola Policía Local de que veciños da contorna detectaran cheiro a gas nesa zona.
Unha vez realizada a inspección detectouse, segundo explicaba o cabo de bombeiros Juan José Graña, unha moi leve fuga nunha canalización de gas e, por este motivo, procedeuse ao peche deste conduto na rúa Gagos de Mendoza.
Segundo os primeiros indicios, a canalización diríxese á cafetería Quiosco Coffee Lounge, abandonada actualmente. Alí, a principios de xullo, rexistrábase un incendio na parte traseira do inmoble. Nesa zona atopábase depositado material, botellas de CO2 para o servizo de cervexa, ademais dunha instalación de gas. A empresa adxudicataria da concesión da cafetería pechara o establecemento tras unha mala xestión económica.
Os bombeiros volveron revisar toda a zona destas instalacións, situadas detrás do edificio da Audiencia Provincial, que son propiedade do Concello de Pontevedra.