Detido o ladrón de numerosos vehículos estacionados no parque de Barosa e en praias da Illa
Por Redacción
A Garda Civil logrou deter o presunto responsable de numerosos roubos que se produciron o pasado mes de setembro no interior de vehículos estacionados no parque natural do Río Barosa, en Barro. Resultou ser un veciño de Ames ao que atribúen unha trintena de roubos neste municipio e na Illa de Arousa.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a detención produciuse a pasada madrugada como resultado da operación 'Pontana', unha investigación iniciada en setembro.
Os axentes investigadores analizaron os citados roubos en Barosa e detectaron que había feitos similares en diversas contornas naturais da Illa de Arousa. Desta forma, estableceron unha liña de investigación que concluíu a pasada madrugada coa detención in fraganti dun veciño da localidade coruñesa de Ames de 42 anos cando presuntamente ía cometer outro delito.
O home, que conta cun amplo historial de antecedentes por delitos contra o patrimonio, foi detido no marco dun complexo e discreto dispositivo establecido por efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa. Os axentes sorprendérono no momento no que se dispoñía a romper a lúa traseira dun vehículo que se achaba estacionado nas proximidades do parque natural de Carreirón, na Illa de Arousa.
Tras a detención interviñéronselle as ferramentas que utilizaba habitualmente para romper os cristais e forzar as portas dos vehículos, tales como: desaparafusadores, patas de cabra, lanterna, coitelo ou luvas.
O detido prestou declaración nas dependencias da Garda Civil e quedou en liberdade coa obrigación de comparecer nos xulgados de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis que investigan os roubos que se lle atribúen.
A Garda Civil atribúelle a presunta autoría de nove roubos en vehículos estacionados na contorna de Barosa e 18 nas contornas naturais do Carreirón e o Faro de Punta Cabalo, na Illa de Arousa. Así mesmo, considéraselle autor dun roubo no interior dunha vivenda próxima a Barosa.