Máis cambios no Burgo: reforma da Santiña e nova dirección para a Avenida da Coruña
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal aposta por avanzar nos cambios que, coa reforma da ponte de Burgo, van realizar neste barrio pontevedrés. Así, o Concello acometerá a reforma integral da Rúa da Santiña e aplicará, a principios de 2020, cambios no sentido de circulación do tráfico en varias das súas rúas, entre elas a Avenida da Coruña.
Estas actuacións, segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, foron presentadas xa aos membros da asociación sociocultural do Burgo e, o vindeiro martes 29 de outubro, discutiranse con empresarios e comerciantes do barrio.
O proxecto máis ambicioso será, sen dúbida, a reforma da Santiña. Reformarase todo o vial desde o inicio da Avenida da Coruña ata a súa conexión coa Rúa da Gándara.
Terá, como rúa "histórica" e parte do Camiño Portugués, plataforma única e un tratamento "equiparable" ao centro histórico. A este respecto, Demetrio Gómez sinalou que o seu aspecto "non ten que ser igual" en toda a rúa e, a pedimento dos veciños, estudarase que o seu primeiro tramo -ata a rúa Manuel Murguía- teña pavimento de pedra.
O Concello encargará o proxecto a próxima semana e espera que as obras poidan executarse en 2020, para que a rúa estea terminada de cara o Xacobeo 2021.
Esta reforma completará os cambios de tráfico que o Concello propuxo, en colaboración coa Policía Local, para todo o barrio.
O Burgo, destacou o edil do BNG, "non está adaptado" ao modelo urbano pontevedrés, de forma que non haxa un vial que "atravese" todo o barrio e que facilite que os residentes ou os que acudan a realizar algún servizo "poidan entrar con facilidade" e non o fagan os condutores que non necesitan acceder a esta zona.
A modificación máis importante será a que sufra a Avenida da Coruña, que invertirá o seu sentido e pasará a ser de subida desde a ponte do Burgo. Esta actuación incluirá tamén o cambio dos alcorques e os aparcamentos á beirarrúa contraria á actual e, ademais, corrixiranse todas as deficiencias detectadas nas beirarrúas e o pavimento.
Para poder saír do Burgo, o Concello propón cambiar tamén de sentido a rúa Luís Otero, que rodea o estadio de Pasarón, permitindo aos condutores chegar ata a rotonda da Avenida de Santiago e acceder a un "bo distribuidor" da circulación e os residentes teñan unha saída "moito mellor".
Por último, invertirase o segundo tramo da Rúa da Santiña, desde Valentín Paz Andrade; e o tramo principal, unha vez colocada a plataforma única, quedará de dobre sentido e, de facto, de uso exclusivamente para residentes xa que non terá saída cara á ponte do Burgo.
Outro dos asuntos tratados coa asociación sociocultural do Burgo foi o centro social que, en breve, poderán utilizar nos baixos do campo de Pasarón. Tan só queda a conexión coa rede eléctrica, pendente de Fenosa, para que se poida abrir ao público.
A súa inauguración oficial, pasadas as eleccións xerais, será cunha gran festa o sábado 23 de novembro, que incluirá petiscos e actuacións musicais. A pesar diso, os veciños poderán utilizalo xa antes desa data se teñen actividades que requiran este espazo.
Relacionadas:
-
A Santiña terá plataforma única e reforzará a súa identidade como Camiño de Santiago
Por Alejandro Espiño |
-
Sae a licitación a reordenación da avenida da Coruña, que cambiará sentidos de tráfico arredor de Pasarón
Por Redacción |
-
Califican de "chapuza" e "aberración" o acceso ao Lérez desde a ponte do Burgo
Por Redacción |
-
Comerciantes e veciñanza coñecen a proposta de reordenación do tráfico no barrio do Burgo
Por Redacción |
-
Pontevedra lanza un libro coa receita da transformación da súa mobilidade
Por Manu Otero |
-
O Concello alega ante Costas contra a gasolineira do Burgo e o transformador do Pavillón
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica a supresión da rotonda xunto á gasolineira do Burgo
Por Redacción |
-
A senda verde entre parroquias e os locais para novos creadores na rúa Serra, proxectos previstos para 2020
Por Redacción |