Andrés Díaz vincula os últimos roubos con "feitos illados" e nega que haxa inseguridade na vila
Por Redacción
A última vaga de roubos que afectou varias empresas en Ponte Caldelas son, segundo o alcalde, "feitos illados" que non poden relacionarse cun aumento de delincuencia no municipio. Andrés Díaz nega que exista inseguridade na vila e para iso botou man dos datos de criminalidade do último ano.
Segundo recollen as estatísticas, o nivel de delincuencia en Ponte Caldelas é menor neste 2019 que no pasado ano, xa que fronte os 81 delitos que, a estas alturas do ano, se produciran en 2018, no presente exercicio só se cometeron 73.
Os roubos dos últimos días, explica o alcalde, foron cometidos segundo os investigadores por unha banda organizada que operou en Ponte Caldelas "ao igual que o puido facer noutro concello" e sobre a que a Policía Científica está estreitando o círculo.
Por iso, o rexedor socialista quixo mandar unha mensaxe de calma e de tranquilidade aos seus veciños, xa que garante que Ponte Caldelas "é un pobo tranquilo e seguro".
A este respecto, Andrés Díaz lamentou as críticas do Partido Popular ante a situación da vila aos que lle pide "seriedade, rigor e responsabilidade" cando falen da seguridade cidadá e que non "desprestixien" a labor dos gardas civís de Ponte Caldelas.
O posto de Ponte Caldelas, recorda o alcalde, está formado por un sarxento, un cabo e oito gardas e non existen vacantes. Na actualidade hai un garda en comisión de servizo e tres gardas están de baixa por enfermidade, dos cales dúas son de longa duración e a outra recibirá a alta nas vindeiras semanas.
Andrés Díaz tamén quixo agradecer a labor da Garda Civil, que en Ponte Caldelas "fai un traballo excepcional que aplaudimos e agradecemos enormemente".