Persoal de limpeza do campus denuncia que a empresa só lles ingresou 45 dos 1.000 euros que lles debe
Por Redacción
Trinta e un profesionais traballan para a empresa Star Servicios na limpeza das instalacións do campus universitario de Pontevedra. Desde o 7 de outubro están a mobilizarse para reclamar que se lles abone o diñeiro que a empresa lles debe, uns cartos que ascenden a preto de 1.000 euros por persoa.
Durante a tarde deste mércores, un grupo destes traballadores volvía concentrarse no campus nunha protesta convocada polos sindicatos CIG, CC.OO. e UXT.
Reclaman que se lles paguen os atrasos salariais pendentes porque, a pesar de que a compañía actualizou os soldos do cadro de persoal atendendo á táboa salarial do convenio pactado para este ano, só chegou a ingresar 45 euros por empregado.
Nos próximos días está previsto que entre unha nova empresa adxudicataria, Lacera. Desde os sindicatos reclámase á Rectoría da Universidade de Vigo que reteña a fianza do contrato de Star Servicios ata que se efectúe o pago de todos os atrasos ao cadro de persoal.