A xestión dos recursos naturais para obter un turismo intelixente e sustentable, a debate en Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo acollerá o vindeiro luns 28 de outubro unha xornada organizada pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, S.A.M.P (SEGITTUR) e o propio Concello baixo o título 'Uso e xestión dos recursos naturais para un turismo sustentable'.
A inauguración correrá a cargo do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, que recibía en 2018 a cebola de ouro dentro das festas de Sanxenxo e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Esta xornada contará coa intervención de persoal experto en sustentabilidade entre os que se atopa Dirk Glaesser, director de desenvolvemento sustentable do truismo na Organización Mundial do Turismo, que tratará a relación entre a actividade turística e a sustentabilidade.
A directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, tamén intervirá nesta cita para analizar a comercialización online das experiencias enoturísticas e o turismo intelixente.
Ao termo da xornada asinarase un convenio de colaboración entre o Concello de Sanxenxo e SEGITTUR para crear un sistema que monitore indicadores de turismo sustentable no municipio.