Morre un mariñeiro que sufriu un golpe na cabeza cando faenaba preto de Ons
Por Redacción
Unha patrulleira da Garda Civil rescatou na noite deste martes a un mariñeiro que sufriu un accidente mentres faenaba co seu pesqueiro nas inmediacións da illa de Ons.
O rescate, realizado en colaboración co helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia, foi necesario debido a que o mariñeiro recibiu un forte golpe na cabeza.
O mariñeiro foi evacuado do barco "Cristo da Laxe" e trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde pouco despois confirmábase o seu falecemento. Trátase dun mozo da parroquia de Beluso, Carlos Pereira, de 24 anos de idade.
O accidente tivo lugar pouco antes das dez da noite deste martes na zona coñecida como Monte Seco ao suroeste de Onza. O mozo enredouse nun dos aparellos de pesca e foi arrastrado cara o mar, golpeándose a cabeza contra o barco.
Os seus propios compañeiros sacárono do mar e volvérono a subir a bordo do barco, á espera dos servizos de emerxencia. A vítima, á que tentaron reanimar no barco, chegou inconsciente ao hospital pero faleceu pouco despois.
A noticia causou unha gran conmoción nesta vila pesqueira, xa que a familia do falecido, o barco e os seus tripulantes son moi coñecidos no municipio.
Moitos dos barcos que, no momento do accidente, faenaban nas inmediacións da illa de Ons achegáronse cara á zona na que se atopaba o "Cristo da Laxe" e, tras comprobar a gravidade do accidente, decidiron regresar a porto.