Xornada de traballo dos alcaldes polo clima en Marín
Por Redacción
Alcaldes e representantes de concellos de toda Galicia participaron este martes no Museo Manuel Torres de Marín na xornada de presentación e seguimento do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía. O encontro estivo presidido pola alcaldesa da localidade, María Ramallo, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, María Cruz Ferreiro Costa, entidade que se encarga de coordinar este pacto en Galicia.
Entre os presentes había representantes e alcaldes dos concellos pontevedreses de Ponte Caldelas, Poio, Sanxenxo, Cambados, Campo Lameiro, Moraña, Bueu, Vilaboa, Portas, Ribadumia e O Grove, así como A Baña, Ames, Lousame, Noia, Cangas, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior e Tomiño.
O lema da Axenda 2030 é "non deixar a ninguén detrás" e, na procura dese obxectivo, a Xunta de Galicia coordina do Pacto a nivel autonómico e creou unha oficina técnica de asesoramento para que os concellos poidan implantar todas esas medidas necesarias para frear a crise climática.
María Ramallo destacou que esta axenda é un chamamento universal co que se pretende acadar un mundo máis xusto e sustentable, aplicando todas as medidas recollidas no Plan de Acción en todos os edificios e equipamentos públicos, no transporte e nos ciclos de tratamento de augas residuais e de residuos sólidos urbanos.
A directora xeral, pola súa parte, explicou aos asistentes en que consisten os obxectivos que persegue a Axenda 2030, que engloba máis melloras a nivel socioeconómico que as estreitamente relacionadas co cambio climático, e animou aos concellos a facer máis fincapé ou especializarse en algún concreto do que teñan máis necesidade ou que vexan que poden acadar de forma máis efectiva.
Desde a consellería destacan que a súa finalidade é facilitar aos alcaldes os medios e coñecementos necesarios para que poidan contribuír á creación dunha Galicia máis sustentable, invitándolles a que divulguen e poñan en práctica esta axenda no seu día a día. A Xunta asesorará tamén aos Gobernos locais para que coñezan que liñas de axudas e subvencións existen para implementar medidas enfocadas a acadar algún destes obxectivos.
O proxecto, impulsado polas Nacións Unidas e que só en Europa conta con máis de 9.000 concellos adheridos, busca reducir nun mínimo dun 40% as emisións de CO2 no horizonte do 2030 por medio de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable.
Relacionadas:
-
Marín aprobará no pleno deste xoves o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible
Por Redacción |
-
Marín elabora un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible
Por Redacción |
-
Moraña medirá as súas emisións de CO2 para deseñar un plan para reducilas
Por Redacción |
-
Marín lembra aos propietarios de panteóns a obrigación de mantelos en bo estado
Por Redacción |
-
Bueu contará cunha auditoría para analizar o impacto de CO2 na vila
Por Redacción |
-
Marín adhírese ao Pacto de alcaldes polo clima
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Cuntis e Vilaboa fórmanse sobre ecoloxía e saúde en Madrid
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas súmase ao Pacto de alcaldes polo clima e a enerxía
Por Redacción |