A Garda Civil investiga catro roubos nunha noite na mesma zona de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para aclarar catro roubos rexistrados presuntamente durante a mesma noite -a madrugada do sábado ao domingo- na zona de Pazos, en Ponte Caldelas.
Fontes oficiais da Garda Civil confirmaron que tiveron coñecemento do ocorrido a través do responsable dunha empresa situada na estrada PO-255, que detectou que a porta de acceso estaba forzada e roubaran no interior.
Unha patrulla da Garda Civil confirmou no lugar o ocorrido e tamén detectou signos de que forzaran unha porta nunha gasolineira situada alén da estrada. No seu caso, está en obras e ten a caixa nunha caseta prefabricada, pero, aínda que a abriron, non roubaron nada.
Noutra empresa da mesma zona detectouse un butrón na zona do escaparate e confirmouse o roubo dunha importante cantidade de diñeiro e nun cuarto negocio das inmediacións os ladróns forzaron o bombín da porta de acceso e o caxetín da caixa rexistradora para roubar o diñeiro que tiña no interior.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, fixo referencia aos roubos o luns na súa páxina oficial de Facebook e quixo aclarar que afectou á localidade "como puido tocar noutro polígono de empresas" e que son obra dunha "unha banda organizada con todo moi ben planificado".
Achegou eses datos para explicar que, na súa opinión, o modus operandi deste tipo de delincuencia "lamentablemente, non se evita con máis presenza policial", senón coa investigación posterior. E quixo aproveitar para trasladar unha mensaxe de tranquilidade á poboación, ademais de agradecer a profesionalidade dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que "actuaron con celeridade, claridade e contundencia".
Andrés Diaz tamén deu a coñecer que os ladróns entraron no pavillón municipal e matizou que o anterior goberno local do PP cobraba taxas polo seu uso e, por tanto, había caixa e diñeiro, pero desde hai catro anos elimináronse esas cobranzas, de modo que non había diñeiro e os danos foron só materiais.