Pisando Forte volve con cinco cursos para a mellora da empregabilidade dos mozos
Por Manu Otero
A nova edición do programa municipal de mellora da empregabilidade dos mozos xa está en marcha. Pisando Forte regresa este ano con cinco ciclos formativos de tipoloxía variada. "O obxectivo é a adquisición de ferramentas e habilidades para acceder ao mercado laboral, que está nunha situación complicada", explicou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, durante a presentación desta xa clásica iniciativa deseñada para mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.
Os requisitos para inscribirse nalgún dos cursos pasan por estar empadroado en Pontevedra, estar dentro do rango de idade determinado e, nalgúns casos, contar cos coñecementos previos marcados na descrición de cada titulación. Con todo, no caso de que queden ocos libres, poderán acceder aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos. Ademais, as persoas con discapacidade superior ao 33 % teñen preferencia á hora de matricularse.
Na axenda está un dos cursos habituais, o de manipulador de alimentos, que está fixado para o 12 e 13 de novembro cun aforo máximo de 20 prazas. O de educación ambiental e compostaxe ten un límite de 15 prazas e levará a cabo entre o 11 e o 15 de novembro. Mentres que o de ferramentas dixitais, farao entre o 4 e o 20 de novembro para un máximo de 15 persoas. A oferta complétase con dous obradoiros: técnicas de estudo (cada luns de novembro e decembro) e competencias comunicativas (os tres primeiros venres de novembro), para un total de 15 participantes cada un.
O prazo de inscrición para estes cinco cursos atópase xa aberto e pode formalizarse a través da páxina web apuntate. pontevedra. gal. Todas as clases impartiranse en galego, haberá control de asistencia e ao finalizar a formación entregarase un diploma acreditativo.