Navia rexeita os despedimentos en ENCE e deixa en suspenso o acordo alcanzado en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Era unha decisión que moitos intuían e que terminou por confirmarse. A asemblea de traballadores da planta que Ence ten en Navia (Asturias) rexeitou o principio de acordo alcanzado entre os sindicatos e a dirección da empresa e propuxo unha folga de cinco días para presionar á pastera para que manteña todos os postos de traballo. Esta decisión deixa en suspenso o acordo alcanzando en Lourizán.
Tras meses de negociacións, Ence plantexaba 11 prexubilacións e 10 despedimentos na súa fábrica asturiana, fronte aos 11 postos de traballo que se perderían en Pontevedra. Un acordo que rexeitou por unha estreita marxe. O 50,8% dos traballadores votaron en contra. Iso coloca á empresa e aos traballadores, segundo Jesús Graña, presidente do comité de empresa en Pontevedra "nunha situación complicada".
Huelva e Pontevedra votaron a favor das novas condicións do plan de restructuración da empresa, tras lograr reducir, no caso de Lourizán, dos 39 despedimentos iniciais propostos por Ence a 11 os traballadores afectados polo ERE, mediante baixas incentivadas para maiores de 58 anos e prexubilacións. Un acordo que para os pontevedreses "parecíanos aceptable", explica Graña.
En todo caso, como a votación de Navia é vinculante "porque así o acordamos entre todos os comités", o acordo logrado en Pontevedra e Huelva non poderá aplicar, polo menos, polo momento. Os traballadores de Lourizán mantéñense á expectativa do que ocorra nos próximos días, aínda que o seu presidente non dubida en afirmar que apoiarán todas as medidas, incluída unha folga, que tomen os compañeiros de Navia.
Jesús Graña espera que a empresa dea o primeiro paso e negocie cos traballadores de Navia mellorar o acordo no que respecta á fábrica asturiana, porque insiste que con Pontevedra "non hai nada que negociar porque xa aceptamos". Cre que a dirección da compañía terá que poñer da súa parte porque "sabe que xa ten gran parte do acordo negociado, pero sen Navia non lle vale de nada".