Queren crear un espazo de novas tecnoloxías para adolescentes no local do antigo Liceo Casino
Por Redacción
O goberno local de Marín planea encargar nos próximos meses un proxecto para integrar diversos espazos nas instalacións do antigo Liceo Casino, recentemente adquirido polo Concello.
Na primeira planta está previsto instalar as oficinas e dependencias pertencentes ao arquivo municipal. Pero ademais, o Concello quere crear un centro de lecer xuvenil de carácter multidisciplinar destinado a novas tecnoloxías.
A localización do edificio, próxima á Finca de Briz, permite establecer neste punto un lugar de encontro social e formativo para unha franxa de idade entre os 14 e os 20 anos, segundo afirmaba este luns a alcaldesa María Ramallo.
Neste espazo ofreceríase unha programación estable de charlas, actividades formativas e cursos de diversas materias ao mesmo tempo que sería un lugar de encontro e un local de lecer no que se establecesen ofertas como xogos de mesa, videoxogos e outras alternativas dixitais.
O local recentemente adquirido conta ademais con espazo para acoller unha cafetería, que permita concentrar a mocidade interesada nestas propostas lúdicas.