Galicia é a primeira comunidade en aplicar vacinas antigripais de maior eficacia
Por Redacción
Estamos en tempada de gripe e a Consellería de Sanidade xa ten en marcha a campaña de vacinación, que se prolongará ata o vindeiro 27 de decembro.
Serán 11 semanas ininterrompidas, unha máis ca na campaña anterior, e 900 puntos de vacinación en Galicia, co fin de poder dar acceso a toda a poboación de risco.
A gripe é unha enfermidade transmisible e previble, que pode evolucionar desde leve a grave e ser incluso mortal. A vacina da gripe reformúlase cada ano debido á variación constante dos virus gripais, co obxectivo de que concorden os virus incluídos na vacina cos circulantes. Por iso a Consellería de Sanidade realiza cada outono, desde 1991, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Servizo Galego de Saúde, a campaña de vacinación antigripal.
GALICIA TOMA A DIANTEIRA NA VACINACIÓN
Nesta campaña empregaranse 3 tipos de vacinas: a vacina tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil, con patoloxía de base, de 6 meses de idade ata os 14 anos; a vacina tetravalente de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con factores de risco de 15 a 64 anos, e que tamén está indicada para embarazadas; e a vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco de complicacións. Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros disporán dos tres tipos de vacinas.
Galicia é neste momento a única comunidade que utilizará de forma diferencial a vacina tetravalente celular no grupo de idade con factores de risco de 15 a 64 anos, á que se lle supón unha maior eficacia con respecto á tetravalente de cultivo en ovo, segundo estudos recentes. O director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez indica que "só coñecemos, de momento, tres autonomías, ademais da galega, que ofrecerán a vacina tetravalente á poboación en risco entre os 6 meses e os 64 anos: Castela e León, Asturias e Canarias, se ben estas empregarán só a tetravalente de cultivo en ovo".
NOVOS GRUPOS DE RISCO
Unha das novidades destacables da campaña 2019 é a inclusión como grupo de risco dos nenos de entre 6 meses de idade que nazan prematuros, con menos de 32 semanas de xestación, e a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación.
Deste xeito, a poboación diana, aquela á que vai destinada a vacinación de xeito prioritario, amplíase. Para abranguer a todas estas persoas, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas fronte á gripe de maior protección e eficacia, 7.000 máis ca na campaña de 2018.
A poboación diana da campaña 2019 queda da seguinte maneira: persoas de 60 ou máis anos, especialmente as maiores de 65 anos; residentes en institucións pechadas, como as residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos; mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación; nenos e adolescentes, de 6 meses a 18 anos, con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico; nenos de entre 6 meses e dous anos de idade que naceran prematuros con menos de 32 semanas de xestación; persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses con patoloxías de risco; profesionais de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios; estudantes en prácticas en centros sanitarios; persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos; persoas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de risco ou a persoas maiores; conviventes, tanto adultos como nenos, de persoas pertencentes a grupos de risco; persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade; e traballadores expostos directamente ás aves domésticas, ás silvestres ou aos porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas.
Sanidade lembra que a vacina antigripal non só evita casos de gripe senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. De aí a importancia de que se vacinen tanto persoas pertencentes aos grupos de risco como as encargadas do seu coidado.
A IMPORTANCIA DA VACINACIÓN DO PERSOAL SANITARIO
Un grupo especialmente sensible é o formado polo persoal sanitario, tanto por estar exposto ao virus da gripe como polo seu traballo con persoas que, ao teren patoloxías previas ou pola súa idade, atópanse nos grupos de risco que, de desenvolver unha gripe, poderían ter serias complicacións.
Dada a boa acollida e os bos resultados acadados na campaña anterior, este ano Sanidade ofertou novamente a posibilidade de que o persoal sanitario se vacinase unha semana antes do comezo da campaña xeral. Deste xeito, os sanitarios poden afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte á gripe, evitando o risco de transmisión aos seus pacientes. Como novidade, en 2019 ampliouse esta oferta aos profesionais dos centros hospitalarios privados. Todo os profesionais sanitarios vacinados, como xa sucedera en 2018, identicaranse coas chapas co lema "Eu vacineime. E ti?", marcando o seu compromiso coa vacinación e os seus pacientes.
CHAMADAS E SMS
Como en anos anteriores, a Consellería de Sanidade terá activa unha web temática da gripe como principal portal de información para a sociedade e os profesionais.
Malia todo o esforzo informativo, hai unha parte da poboación de Galicia, pola dispersión dos seus habitantes, á que é máis complicado chegar. Sanidade mantén o seu compromiso de que ningunha persoa en situación de risco quede sen vacinar. Por este motivo, a partir da cuarta semana da campaña, desenvolverase o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada telefónica ou SMS. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación de entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña e tamén se avisará por SMS ás persoas maiores de 65 anos das que o SERGAS teña o seu telefono rexistrado. Así mesmo, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e realizarase a vacinación dos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.