O CEIP Barcelos pon en marcha obradoiros para educar en igualdade desde os 3 anos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Unha pelota amarela circula entre un grupo de escolares de tres anos que están concentrados á espera de que chegue a maxia. Un dos nenos preséntase: son Joel. O neno debe dicir algo bonito da súa compañeira de clase, Noa. "Gústanme os seus zapatos e como pinta", di o pequeno. E a pelota segue circulando entre estes menores dunha das aulas de infantil do Colexio de Barcelos coa intención de ir asentando as bases para o respeto entre homes e mulleres.
Este luns desenvolvíase esta primeira actividade dentro dos talleres organizados pola Asociación de Nais e Pais do centro educativo a través das axudas da Xunta de Galicia con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaba o colexio e asistía durante uns minutos á sesión, acompañada pola secretaria territorial Ana Ortiz. Segundo explicaba, Pontevedra é a provincia que máis axudas solicitou para esta proposta destinada a promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.
A representante da Xunta lembrou que a igualdade hai que traballala desde a infancia porque comprobaron nun estudo sobre a utilización dos teléfonos intelixentes que as denuncias relacionadas con accións machistas están a rebaixar a idade de vítimas e agresores situándose entre os 13 e os 14 anos. Neste sentido destacou que hai moitas formas de comunicarse a través das novas tecnoloxías e é necesario traballar, desde a administración e desde colectivos como as ANPAS, de forma correcta para que os menores saiban utilizalas e evitar situacións de violencia.
Axa Tilve, presidenta do ANPA do CEIP Barcelos indicou que detectaran unha demanda sobre educación en igualdade no ámbito escolar porque é un dos primeiros espazos onde os nenos e nenas socializan. A representante de nais e pais do centro indicou que é preciso que desde idades temperás se establezan os principios de igualdade que eviten que nos institutos se vexan obrigados a cambiar o chip fronte a uns roles predeterminados. Estes talleres levan a cabo en tres clases de infantil, para alumnado de tres anos, ata o segundo curso de primaria. A intención do ANPA é manter esta actividade nos próximos cursos.
En toda a provincia benefícianse 35 ANPAS das axudas de 105.000 euros para o desenvolvemento destas actividades. Segundo a Xunta, unha destas axudas destinouse á FANPA de Pontevedra e outras nove corresponden a colectivos de centros do municipio: o CEIP San Miguel de Marcón, San Xosé de Campolongo, Río Lérez do Vidal Portela, O Areeiro do CEIP San Benito de Lérez; a Xunqueira I, o Pardo Bazán do CEIP Froebel, Andaina do CEIP A Xunqueira II e O Pino do IES Torrente Ballester, ademais do CEIP Barcelos. Cada solicitude para estas actividades podía recibir un máximo de 4.000 euros.