Protección Civil retira case 200 niños de vespa velutina no que vai de ano en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade leva retirados case 200 niños de vespa velutina no que vai do presente ano a través de dúas brigadas específicas creadas para combater a esta praga. A entidade recibíu un total de 153 avisos do 012 dende o pasado mes de febreiro e a eles hai que engadirlles outros corenta xestionados a través do Concello.
Segundo explicou o responsable de Protección Civil e coordinador deste programa contra a vespa velutina, Javier Lois, creáronse dous equipos especializados na retirada dos niños e, xunto aos operarios municipais, levan suprimidos case 200 en apenas oito meses, o que dá boa mostra da implantación desta especie invasora.
Polo momento, Protección Civil está a empregar o sistema de pértiga para retirar os niños e posteriormente inutilizalos, pero xa está a barallar a súa substitución pola escopeta con estouridos, para o cal estanse a establecer contactos cun profesional de Cambre. "É un sistema máis efectivo e pensamos en implantalo na nosa agrupación", indicou.
En canto á aparición dos niños, a parroquia de Viascón lidera os avisos no correspondente ao territorio de Cotobade, mentres que en Cerdedo están máis repartidos por igual entre todas as súas oito parroquias.
O alcalde, Jorge Cubela, tras coñecer os datos de primeira man do responsable de Protección Civil, quixo destacar o "gran traballo" que está a facer a entidade ao longo de todo o ano para atender todas as incidencias e especialmente na súa loita para erradicar unha especie "que causa un gran dano medioambiental e que debemos combater con firmeza".
Neste senso, sinalou que o Concello está especialmente sensibilizado na loita contra a velutina para protexer a súa gran riqueza natural e lembrou que hai xa tres anos se puxeron en marcha obradoiros de trampas en moitas parroquias e comezouse coa retirada dos niños.