Os socialistas pontevedreses "gastarán moito os zapatos" na campaña electoral
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou este venres na Finca Batacos o seu comité provincial e declarouse preparado para encarar unha campaña electoral, ata o 10 de novembro, na que "imos gastar moito os zapatos", en palabras do secretario xeral provincial, David Regades.
Tamén anunciou a celebración de tres mítines en Pontevedra, Vigo y Vilagarcía, pero recalcou que a campaña terá un forte acento de proximidade coa cidadanía con actos informais, paseos e encontros a pé de rúa.
No seu discurso Regades dixo que "o PP está rabioso porque a crise en Cataluña está a ser abordada polo Goberno en funcións con intelixencia e mesura, en contraste coa pésima xestión que fixeron Rajoy e o ex ministro Fernández Díaz".
"Estes son os patriotas que falan todo o día da Constitución", denunciou, "políticos de pulserita, que fan campaña cos asuntos de Estado e que quedan en evidencia ao pedir a dimisión dun ministro por cear unha hamburguesa".
David Regades abogou por un goberno socialista, "que aborde os problemas da cidadanía e que non dependa nin de independentistas nin da ultradereita". O único goberno posible, rematou, "para abordar os retos do país e evitar o bochorno colectivo de ver a Abascal sentado no Consello de Ministros".
Relacionadas:
-
O socialista Alberto Varela será o novo presidente da Fegamp
Por Redacción |
-
O PSOE márcase como obxectivo para o 10-N conseguir un cuarto deputado na provincia
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PSOE, sen cambios para o 10N: Olga Alonso e Guillermo Meijón, a polo Congreso; Modesto Pose e Marica Adrio, ao Senado
Por Redacción |