O servizo de teleasistencia domiciliaria pode acoller a 370 persoas máis
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha prórroga do acordo marco que rexe a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Deste xeito, o servizo prorrogarase entre xaneiro de 2020 e xaneiro de 2021 cun custe de 174.480 euros, dos cales a Deputación achega o 50% e os concellos o 50% restante.
Na provincia 46 concellos de menos de 20.000 habitantes están adheridos a este servizo da Deputación que está a beneficiar actualmente a 630 veciños e que pode chegar ata os mil, polo que aínda hai marxe para acoller a máis persoas.
A empresa que se encarga da prestación do servizo de xestión da teleasistencia domiciliaria é Quavitae Servicios Asitenciales S.A.U.
O servizo vai dirixido a persoas que viven soas ou pasan grande parte do día en soidade, persoas con idade avanzada, diversidade funcional, illamento social, enfermidade, situación de risco psicosocial ou físico.
Todos eles poden seguir vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, xa que con só pulsar un botón dáse resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Para elo, as persoas usuarias deben ter liña telefónica, xa sexa fixa ou móbil.
Ademais da atención continua prográmanse tamén actividades dirixidas a persoas usuarias para mellorar as súas capacidades a través de actividades lúdicas.