Denuncian a aparición de multitude de peixes mortos no treito urbano do Gafos
Un novo episodio de contaminación perturbou a tranquilidade do paseo fluvial do río Gafos. A aparición de multitude de peixes mortos, troitas na súa maioría, alertou os veciños da zona. Ocorreu a primeira hora deste domingo. Non se atopan agrupadas nun punto concreto do río, senón que apareceron diseminadas polo tramo que discorre entre a estación de autobuses e o cruzamento entre a Avenida de Vigo e Fernández Ladreda.
Os veciños de Eduardo Pondal aseguran non estrañarse do sucedido. Cualifican ao Gafos nesa zona como "o río dos mil cores". Sobre todo nos últimos días. Afirma Víctor Sariego, un deles, que "todos os luns o Gafos é branco, xa de mañá". Explica que o resto da semana pode amencer, máis ou menos transparente, para volverse gris a partir das seis da tarde. "E as fins de semana, cor merda. E debe ser merda, a tenor da denuncia desta semana de vertidos de augas fecais".
Afirma que os moitos veciños acoden "impotentes" a esta agresión periódica e que continua "ben por non saber a quen recorrer ou porque non se lles fai caso polas canles habituais". Por iso, piden aos responsables políticos, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, que formen unha "fronte común" e que se poñan de acordo para abordar o problema, que podería pasar, sinala, por redeseñar e cambiar o trazado da rede de sumidoiros e os conductos de saída dos edificios colindantes.
XORNADA DE LIMPEZA DE VAIPOLORIO
A aparición destes peixes mortos coincidiu cunha nova xornada de limpeza do río Gafos organizada por Vaipolorío. Un grupo de voluntarios percorreron a canle do río para retirar os materiais arroxados nas últimas semanas. En total, segundo Gonzalo Sancho, portavoz deste colectivo, retiráronse uns 350 quilos de lixo, entre eles chama a atención a aparición de cintas de video, botellas ou ata unha figura dun anxo.
Ademais, aproveitaron para rozar parte das ribeiras do río, cortando as silvas que entorpecen a súa canle, respectando a vexetación propia do Gafos, "pero retirando aquela que chega ata o centro do río, para evitar que os plásticos ou as botellas que arroxa a xente se queden atascados".
Respecto do suceso denunciando polos veciños de Eduardo Pondal, Gonzalo Sancho asegurou non ter constancia, xa que este domingo traballaron no tramo alto do río, entre Pontevedra e Vilaboa. En todo caso, afirmou que non lles estraña, porque "desde hai tres semanas nesa zona hai unha alcantarilla que verte fecais ao río". Algo que, di, é moi prexudicial para o Gafos xa que "polos sumidoiros tíranse produtos tóxicos como lixivias".
Neste sentido, recordou que xa denunciaron a súa existencia ante o Concello de Pontevedra e Aquagest e adiantou que este será un dos temas que lle plantexarán o vindeiro venres ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José Luís Díez Yáñez, na reunión que lles concedeu. Tamén lle trasladarán a súa preocupación pola paralización do anunciado proxecto para a construción dun novo colector no río Gafos.
Relacionadas:
-
Vaipolorío estuda denunciar por delito ambiental as verteduras ao río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da canceira custará cinco veces menos do inicialmente previsto
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello insístelle a Augas de Galicia que a construción do colector do Gafos é "irrenunciable"
Por Oskar Viéitez |