Interceptan unha furgoneta con 1.740 quilos de ameixas na peaxe da AP-9 en Vilaboa

Por Redacción
Axentes da Garda Civil incautaron un cargamento de 1.740 quilos de ameixa ilegal no interior dunha furgoneta que foi interceptada na peaxe de Vilaboa da autoestrada AP-9.
Segundo informou o instituto armado, a incautación do marisco produciuse sobre as cinco e media da tarde deste xoves. A Garda Civil ordenou que o vehículo, que tiña placas de matrícula portuguesa, se detivera ao apreciar que viaxaba con evidentes signos de exceso de peso.
Ao inspeccionar o vehículo, os axentes comprobaron que levaba unha importante cantidade de sacos de ameixa xapónica e que o condutor da furgoneta carecía dos requisitos regulamentarios.
As irregularidades detectadas na documentación levaron á Garda Civil a incautar a furgoneta e a mercadoría que transportaba, que quedaron custodiadas polo servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia.
O condutor da furgoneta enfrontarase a un expediente sancionador incoado pola administración autonómica como presunto responsable de senllas infraccións á Lei de Pesca de Galicia e ao regulamento da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres.