Cubela lembra que se adicaron 220.000 euros en oito actuacións en Rebordelo nos dous últimos anos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acusou ao grupo municipal socialista de vivir "fóra da realidade" do concello e de non ter "interese real en preocuparse polos veciños" despois de que esta formación criticara ao goberno local por unha suposta falla de atención e de implicación nos problemas e nas necesidades da parroquia de Rebordelo.
Cubela asegura que esta parroquia rexistrou uns elevados investimentos nos últimos anos. Concretamente, foron 220.000 euros nos dous últimos anos e, entre eles, 90.000 nos case dez meses do presente exercicio.
O alcalde detallou que, só nos últimos tempos, acometeuse a renovación da pista do Pozo Negro e a pavimentación das Lagoas, construiuse o depósito de augas, reformouse a Casa do Pobo, fíxose un plan de limpeza e construción de cunetas, canalizáronse as pluviais dende O Salgueiro ata a carballeira, dotouse á zona de marquesiña, arranxáronse fontes e lavadoiros e determináronse as franxas de protección de lumes, entre outras actuacións.
O alcalde, que lamentou que os socialistas se referiran "a algún problema privado entre veciños para criticar ao goberno", tamén apostillou que o Concello "actuou ata onde ten competencias en defensa do interese xeral", lembrando a apertura de expedientes de recuperación de camiños públicos cando foron pechados.
Tamén revelou que está en marcha un estudo cos servizos xurídicos para traspasar as carballeiras municipais ás Comunidades de Montes.
Finalmente, tamén respostoulles, sobre ao valado do Pozo Negro, que as contornas dos ríos están protexidas medioambientalmente, "polo que non se poden facer grandes cousas".
"Que falen de anos de olvido ou de que miramos cara outro lado só pode proceder de quen toca de oído dende o seu despacho na capital ou de quen vive noutro municipio que non é o noso, pero en ningún caso debería saír da boca dun representante público que sexa responsable e coñeza a realidade", lamentou o alcalde, que cifrou o investimento anual por habitante dende 2017 na parroquia de Rebordelo en 827 euros, "unha cifra que está por riba da media do noso municipio".