O PP rexeita no Parlamento de Galicia a investigación que pide o BNG sobre o uso de aceites industriais na planta de ENCE
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG na Cámara galega logrou este xoves o apoio de todos os partidos agás o PP á proposición non de lei coa que pedían iniciar unha investigación sobre o uso de aceites industriais para procesos de combustión na planta de ENCE en Lourizán. O deputado pontevedrés Luís Bará pedía investigar ante o posible incumprimento da Autorización Ambiental Integrada (AAI) da empresa.
Bará pedía tamén establecer medidas de control das emisións contaminantes da fábrica de Lourizán, por considera que se produce un "grave risco" para a saúde humana polas partículas tóxicas producidas pola combustión dos aceites industriais. Tampouco neste punto tivo apoio do PP durante o debate na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
O deputado 'popular' pontevedrés, Jacobo Moreira, chegou a afirmar, en relación con este punto, que "as partículas tóxicas non veñen da fabrica, veñen máis ben doutros sitios, da sede do BNG ou do edificio consistorial". Trataríanse, segundo as críticas de Moreira, de "partículas tóxicas en forma de infundios e difamacións".
Ademais, en relación con este punto, Jacobo Moreira defendeu que a Xunta fai un seguimento continuo das emisións de Ence na calidade do aire na súa contorna a través de diversas estacións, medicións que fan en tempo real e que permiten á administración autonómica estar ao tanto de calquera incidencia que se produza nesas instalacións.
Tras a intervención de Moreira, na que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, o deputado do BNG asegurou que ao portavoz do Partido Popular "só lle faltou traer o casco da empresa".
Bará denunciou que o PP leva "amparando os intereses de ENCE dende o ano 2014" e lembrou que non sempre foi así, pois no mes de xuño do ano 2009, o presidente do PP e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois dun Consello da Xunta celebrado en Pontevedra, afirmou que non cabía a posibilidade de manter a Ence na ría.
Ao fío destas afirmacións, Bará critica que cambiaron de posición porque llo exixiu "a empresa e as portas xiratorias". Neste sentido, tildou a Moreira de "avogado defensor de ENCE" e facer méritos para rematar "cun posto no consello de administración da empresa".
O deputado do BNG afirmou que non está permitida a utilización de aceites procesados e no seu lugar debe usarse biomasa, residuos forestais, codia de eucalipto e lodos secos procedentes de augas residuais e a utilización doutros combustibles deben ser xustificados pola empresa pero mentres isto ocorre, "o PP segue defendendo os intereses de Ence en contra da Autorización Ambiental Integrada".
Moreira, na súa intervención, sinalou que proposicións coma este son "outro dos clásicos nacionalistas" e asegurou que non se está a incumprir a AAI, circunstancia que o BNG debería saber porque, en realidade, esa autorización concedeuna o goberno bipartito PSOE-BNG da Xunta de Galicia no ano 2008.
O deputado o PP sinalou tamén que Bará ten "fácil" solventar esa dúbida, pois só ten que falar coa empresa e ir visitar a fábrica. "Estou seguro de que lla ensinarán de bo gusto todo". Ademais, cuestionou que a fonte informativa do BNG para esta proposición é a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) fronte á fonte dos 'populares', os estudos dos funcionarios da Xunta.
A iniciativa do BNG tivo o apoio do resto dos grupos parlamentarios. O deputado de En Marea, Luis Villares, criticou o "desprezo absoluto" ao medio ambiente por parte da empresa mentres que o deputado do grupo Común de Esquerda, Marcos Cal, lembrou que é "responsabilidade" da Xunta de Galicia controlar o cumprimento da AAI "e non estivo cumprindo coa súa obriga de control".
A deputada do PSOE Patricia Vilán lembrou que leva desde setembro esperando a que se lle facilite a documentación completa sobre o expediente da AAI para saber que sucedeu aquel día e que aceites se utilizan e para que.
Relacionadas:
-
Carme da Silva axita a precampaña ao reclamar unha Axencia Tributaria Galega
Por Redacción |
-
Bará: "Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos"
Por Alejandro Espiño |
-
Medio Natural "manterase vixiante" ante o posible emprego de aceites na pranta de biomasa de Ence
Por Redacción |
-
A APDR pide que se investigue a Ence por queimar 18.000 toneladas de aceite usado contaminante
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |