Máis de 40 persoas larinxectomizadas participan no programa 'Volver falar' da AECC
Por Redacción
A concelleira Paloma Castro visitaba este xoves as instalacións que a Asociación contra o Cancro (AECC) ten na rúa Augusto González Besada en Pontevedra. Alí comprobou o funcionamento do programa que desde este colectivo se desenvolve con máis de 40 pacientes larinxectomizados.
A través do programa 'Volve Falar' ofrécense servizos de logopedia, unha actividade impulsada desde a concellería de Benestar Social. Este programa, segundo explicaba Paloma Castro, permitiu realizar 509 intervencións individuais e 646 grupais grazas ao convenio que a AECC ten co Concello ata 2023. O Concello inviste 9.000 euros anuais neste programa.
Paloma Castro mantivo un encontro coa presidenta de AECC en Pontevedra, María Josefa Crespo, ademais de con outras persoas integrantes deste colectivo, cuxa actividade permite suplir carencias do sistema sanitario tanto en prevención como en coidados a pacientes.
Este venres celébrase o Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama no que se repartirán pulseiras reivindicativas. Está prevista a celebración dun acto conmemorativo ás 12.00 horas na praza da Ferrería.