A feira de artesanía de Ponte Caldelas trasládase á renovada Praza de España
Por Redacción
Por vez primeira, a feira de artesanía de Ponte Caldelas terá lugar na renovada Praza de España. Así o sinalou a organización dun evento que, na súa cuarta edición, celebrarase o domingo 3 de novembro.
Unha carpa acollerá os 33 artesáns que xa confirmaron a súa presenza nesta cita. Todos eles, chegados desde toda Galicia, venderán os seus produtos entre as 11.00 e as 20.00 horas.
A feira ofrecerá unha ampla variedade de creacións artesanais, todas elas co común denominador da orixinalidade e artesanía na súa elaboración.
Nos postos poderán atoparse creacións artesás tales como roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, todo tipo de complementos de bixutería, bolsos, esculturas feitas con area, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, debuxos de arte rupestre, exposición de minerais e moitas máis cousas.
Haberá tamén un oco para a gastronomía cun posto de cervexa Meiga e tamén coa degustación de pan vegano, filloas e galletas artesás.
O público que se achegue ademais de poder participar en diversos obradoiros, como o obradoiro de xabóns e de feltro (para máis de 11 anos), asistir a unha charla de alimentación saudable a cargo de Belén Ventín, visitar a exposición de tallas de madeira de Marcos Mariño ou do recuncho de xogos en familia e de actuacións musicais.
A asistencia á feira, que pretende ser ante todo unha experiencia lúdica para o visitante, é completamente gratuíta.