O 75% dos participantes no programa "Máis Emprego III" conseguiron un posto de traballo
Por Redacción
A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a desenvolver, dende novembro do ano 2018, o Programa Integrado de Emprego de Galicia "Máis Emprego III" coa participación dos Concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas e Barro tendo como obxectivo a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral de 100 persoas traballadoras en situación de desemprego, mediante a intermediación.
As accións deste programa tiveron unha duración de 12 meses.
Durante este tempo o programa realizou diferentes accións formativas transversais e especializadas que foron impartidas nas diferentes localidades que conforman a agrupación destes Concellos. Dita formación desenvolveuse dende o mes de febreiro ata setembro deste ano.
Realizáronse 18 cursos de formación coas temáticas de Manipulador de Alimentos, dúas edicións de Operador de Carretilla Elevadora e dúas de Prevención de Riscos Laborais. Fixéronse tamén Cursos de Ofimática, Soldadura con Electrodo e Soldadura TIG. Algunhas destas accións tiveron as súas prácticas non laborais en empresas relacionadas co seu sector correspondente.
Desenvolveuse formación especializada e pertencente aos certificados de profesionalidade como son a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (Módulo de Hixiene e Alimentación) e a limpeza de mobiliario en edificios e locais.
Ademais desta formación presencial fixéronse a maiores seis cursos de formación online, que completan os diferentes itinerarios personalizados de inserción. As temáticas de ditos cursos son de Atención ao Cliente, Inglés de Atención ao Público, Planificación de espazos de traballo, Xestións Laborais Básicas, Técnicas de Venda e Control de Calidade.
Como consecuencia desta formación conseguíuse que 75 usuarios que accederon ao emprego.
Os 100 participantes recibiron un total de 528 titorías Individuais de orientación laboral coa planificación e deseño de diferentes itinerarios personalizados de inserción relacionados co adestramento na busca e mantemento do emprego. Ademais houbo 455 inscricións en accións colectivas, superando tamén amplamente o obxectivo inicial do programa.
As prácticas non laborais en empresa foron outras accións a desenvolver en diferentes sectores da contorna cunha duración media de 15 días e coa finalidade de aportar maior experiencia laboral aos participantes e ao mesmo tempo dar a oportunidade ás empresas de formar traballadores que cumpriran coas necesidades de persoal esixido por elas.
Este tipo de acción reportou un éxito de inserción de 36 persoas que realizaron prácticas das que 24 conseguiron ser contratadas, resultando ser, deste xeito, unha oportunidade en firme para o acceso ao emprego.