Colectivos pontevedreses súmanse á manifestación en Santiago polo futuro do monte galego
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Este venres será o último día para inscribirse nos diferentes colectivos organizadores e viaxar no autobús previsto para participar na manifestación convocada en defensa do futuro do monte galego. A marcha será este domingo 20 de outubro ás 12.00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.
Este xoves, o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde; o presidente da Organización galega de Comunidade de Montes, José Alfredo Pereira, e o presidente da Asociación pola defensa da Ría (APDR), Antón Masa, explicaban os motivos desta convocatoria na que participan máis de vinte colectivos de toda Galicia.
Pereira denuncia a política sobre medio rural que está a desenvolver a Xunta de Galicia ao entender que ten abandonados os montes e que se instalan industrias agresivas, campos de golf, cidades deportivas ou grandes urbanizacións, ademais de dedicar terreos ao monocultivo de eucalipto.
Neste sentido, José Pereira afirma que Galicia non está a producir madeira de calidade e remarca que é necesario que desde a Xunta se observen os lumes forestais como algo político e estrutural, e non só como actos delituosos.
Na mesma liña comentaba Antón Masa que é necesario diversificar o monte en Galicia e non destinalo a "alimentar a Celulosa de Pontevedra" e manifestou que, ademais, a empresa Ence non desenvolve unha política de coidado do medio ambiente ao queimar madeira e aceites. Pide que se regule a plantación de eucaliptos e mesmo eliminalos en determinadas zonas.
Pola súa banda, Pereira insitíu en que a primeira medida que se debe adoptar é ordenar o territorio e o uso das terras, cambiando a política de montes de maneira radical, cunha propiedade máis xusta das terras para devolvelas ás colectividades locais como son as comunidades de montes veciñais en man común.