O Sergas notificará por SMS as citas médicas e os avisos de saúde en Pontevedra
Por Redacción
Un novo sistema de contacto co paciente a través de SMS para citas ou avisos de saúde. É a nova aposta do Servizo Galego de Saúde para ter unha comunicación personalizada cos seus usuarios.
Máis de 250.000 persoas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibirán nas vindeiras datas no seu teléfono móbil, o número que cada paciente teña rexistrado como vía de contacto, unha mensaxe que lles notifica a activación deste sistema.
Unha das accións previstas é lembrar citas en servizos de atención hospitalaria en horario de día e cunha antelación de entre as 72 e as 24 horas previas á data da cita. Esta acción busca unha máis ampla relación coa cidadanía e poderase empregar para outras cuestións relacionadas coa saúde e de interese para a poboación, como as campañas de vacinación.
O sistema sanitario público galego contactará de xeito proactivo a través do teléfono móbil que figura no expediente de tarxeta sanitaria e a cidadanía non terá que realizar ningunha acción. Se esta mensaxe non chega, é posible que o sistema non conte con ningún teléfono móbil nos seus rexistros.
Non obstante, que non desexe recibir estas mensaxes de SMS de aviso, pódense dar de baixa pulsando o propio enlace que chega ao móbil ou facelo a través da páxina web do Sergas ou nos puntos de atención administrativa dos centros de saúde e os hospitais da área.
Pola contra, quen non reciba esta mensaxe e desexe activar o servizo, pode facelo en calquera momento, empregando un certificado dixital, ben a través da mesma páxina web ou nos puntos administrativos dos centros sanitarios.