Marín colocará xardineiras en Ezequiel Massoni para evitar estacionamentos irregulares
Por Redacción
O goberno municipal de Marín presentou o seu proxecto de mellora da imaxe da rúa Ezequiel Massoni que, entre outras cousas, terá unha imaxe máis estética e chea de cor e lucirá xardineiras nalgunhas das súas esquinas para evitar estacionamentos irregulares.
O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de uso da rúa, permitindo que os seus usuarios, maioritariamente os peóns, poidan gozar máis comodamente dela.
O actual deseño das esquinas deste viario, que conta con moitas rúas adxacentes, facilita o estacionamento indebido por parte dos vehículos, xa que os bordos están rebaixados ao nivel da calzada.
Para evitar estas situacións e mellorar o aspecto xeral da rúa, aportándolle un toque de cor, instalaranse unhas xardineiras lixeiramente elevadas con respecto ao pavimento, construídas en pedra granítica.
As plantas contarán cunha rede de rego conectada á rede de abastecemento municipal e, no caso daquelas esquinas que conten cun espazo maior, engadirase á xardineira un banco, facilitando así o descanso e o encontro dos veciños.
As xardineiras estarán colocadas nas esquinas de Ezequiel Massoni coas rúas Travesía Jaime Janer, a Barriada Salvador Moreno, a Rúa Souto ou a rúa Recamán.
O presuposto global desta actuación ascende a 53.592 euros.