Profesionais do Hospital Provincial reciben formación policial para previr agresións ao persoal sanitario
Por Redacción
O interlocutor sanitario da Policial Nacional, profesional encargado de coordinar todas as actuacións para previr agresións ao persoal médico, organizou este mércores unha charla no Hospital Provincial para informar o persoal sanitario de Pontevedra e O Salnés sobre a existencia da súa figura.
O Interlocutor sanitario encárgase de coordinar, cooperar, desenvolver e executar as actuacións relacionadas con calquera manifestación de violencia ou intimidación a persoal sanitario por parte de pacientes ou de familiares destes co obxectivo de minimizar e, no posible, evitar as súas consecuencias ademais de informarlles das accións que poden exercer, tanto penais como administrativas para esixir a correspondente responsabilidade aos autores.
Estes policías son tamén o punto de contacto permanente cos representantes dos centros médicos, colexios profesionais e autoridades territoriais competentes e a súa figura creouse a nivel nacional poñer freo ás agresións, garantindo unha atención personalizada aos profesionais sanitarios que sufran violencia ou ameazas.
Co obxectivo principal de diminuír os actos delituosos labores en centros médicos, o interlocutor mantén continuas reunións co sector sanitario para establecer unha comunicación máis fluída e adoptar as medidas de seguridade para diminuír o risco. Ademais ofrece asesoramento aos centros que o soliciten para previr agresións e formar aos propios sanitarios con medidas de autoprotección.
A charla deste mércores impartírona responsables de distintas materias relacionadas coa temática para tratar e orientadas a informar sobre as medidas policiais, tanto preventivas como reactivas, a adoptar fronte a agresións a profesionais da saúde.
Os policías ofreceron aos profesionais sanitarios as ferramentas necesarias para manter un comportamento que favoreza unha relación de confianza mutua co usuario, desenvolver habilidades de autocontrol, saber escoitar activamente e empatizar con pacientes e usuarios para evitar situacións de risco.
Máis de 50 persoas asistiron a esta charla, que contou coa intervención do responsable do servizo de prevención de riscos laborais do CHUP, que expuxo a preocupación do persoal que cada día é obxecto de inxurias, coaccións e ameazas durante o desenvolvemento do seu traballo.
Ademais do propio interlocutor sanitario da Comisaría de Pontevedra, falaron o xefe de sección da Brigada de Seguridade Cidadá e un especialista policial en materia xurídica. Este último explicou aos presentes as distintas formas de formular denuncia e o procedemento para seguir tanto pola vía penal como a administrativa.