Coloquios para coñecer outras saídas profesionais en Belas Artes
Por Redacción
A Facultade de Belas Artes acolle charlas de catro ex estudantes deste centro do campus de Pontevedra nas que se abordarán proxectos fotográficos, de cómic e de animación destinadas principalmente ao alumnado universitario.
A primeira das charlas, segundo publica o DUVI, será este mércores 16 ás 13.00 horas cun coloquio sobre o cómic experimental a cargo da debuxante Begoña García-Alén, premiada no Salón do Cómic de Barcelona como autora revelación. Esta cita atópase coordinada pola profesora Silvia García coa intención de que os asistentes teñan como referente outras disciplinas profesionais menos recoñecidas no ámbito da arte contemporánea.
A este evento pode asistir tanto o alumnado como público interesado en coñecer novas propostas. A inscrición mantense aberta a través do correo electrónico nasmarxes@gmail.com
O seguinte mércores, día 23, será a quenda dos graduados Cynthia Alfonso e Óscar Raña, responsables do estudo Rapapawn, que traballa no terreo da animación con propostas que xa tiveron a súa expansión internacional.
O 30 de outubro pecharanse os coloquios con David Peetermans, que mostrará a súa fórmula de traballo no terreo da autoedición e da fotografía.