Feijóo xustifica a expulsión do PP do alcalde de Meaño
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta e líder do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo xustificou o expediente de expulsión aberto ao actual alcalde de Meaño, Carlos Viéitez.
O comité de dereitos e garantías do PP tomou esta decisión despois do ocorrido no pleno municipal de Meaño no que se decidiron os representantes da corporación local na Mancomunidade do Salnés. O PP local pactou cos socialistas unha serie de contraprestacións a cambio de facilitarlles un representante na Mancomunidade, outorgando así a maioría nese órgano aos socialistas.
O órgano disciplinario do Partido Popular considera a Viéitez autor dunha falta moi grave por "manifesta deslealdade" ao partido e outra, tamén de carácter moi grave, por desobediencia ás instrucións dos órganos de goberno do partido
"Non foi unha situación buscada, pero os estatutos do partido obrígannos a todos", afirmou o Núñez Feijóo, argumentando que un "principio básico" do PP é "non votar contra os teus propios compañeiros nos órganos de goberno", en alusión á Mancomunidade.
O presidente do PP provincial, Alfonso Rueda xustificou que "os estatutos actuaron e o presidente provincial de Pontevedra non podía distinguir entre militantes de nivel alto ou medio".
Sobre a situación do resto de concelleiros do PP de Meaño, Rueda preferiu "non adiantar acontecementos e ver que pasa a partir de agora", garantindo que "o PP de Meaño vai seguir existindo coas persoas que procedan".
"UNIR" OS VOTOS DISPERSOS EN VOX E CIDADÁNS
Con motivo da celebración da xunta directiva do PP de Pontevedra, o líder dos populares galegos e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que nas pasadas eleccións "máis de 70.000 votos dispersáronse a Vox e Cidadáns" nesta provincia polo que instou aos seus a "unir" o apoio electoral ao redor das siglas do PP fronte ao "independentismo" e ao "populismo" para que a súa formación gañe as eleccións do próximo 10 de novembro.
O PP está "a quentar motores" para o 10 de novembro, así que fronte ao "hartazgo e o hastío" que están a producir estas constantes citas electorais, segundo indicou Feijóo, hai que "converter esta desgana en ganas de volver gañar".
Neste sentido, eloxiou aos membros que conforman a candidatura do PP pola provincia de Pontevedra, aínda que tamén se referiu á marcha de Ana Pastor para admitir que "o lamentamos, pero é un orgullo que a número uno tradicional en Pontevedra sexa a número dous na lista de toda España polo PP", comentou Núñez Feijóo.