O programa Sexoven educará sexual e afectivamente a 4.000 estudantes pontevedreses de entre 12 e 16 anos
Por Redacción
Ofrecer educación afectivo-sexual aos xóvenes pontevedreses e as súas familias é o principal obxectivo do programa municipal Sexoven, que a Concellería de Igualdade, dirixida por Paloma Castro, acaba de poñer en marcha nos centros educativos da cidade.
O proxecto, deseñado por unha consultora de igualdade e xénero e dirixido por unha equipa de psicólogos/sexólogos, botou a andar este luns nas aulas do IES Vallé Inclán, e permitirá formar nesta materia a 4.000 estudantes de entre 12 e 16 anos.
As charlas do programa Sexoven realizaranse nun total de 129 aulas de 11 centros educativos de Pontevedra, pero tamén se dirixirán ás súas Anpas, impartíndose unha sesión formativa para nais e pais en cada un deles. Para a edil socialista Paloma Castro, resulta esencial "desenvolver un traballo conxunto entre centros, alumnado e familias, para reforzar entre todos as mensaxes que reciben os adolescentes".
Tal e como explica a concelleira de Igualdade, as sesións incidirán na importancia do respecto dentro das relacións sexuais, na prevención de enfermidades de transmisión sexual, na normalización e naturalización da diversidade e na loita contra a violencia de xénero.
Paloma Castro explicou que "traballaremos coas familias para que poidan desempeñar de forma axeitada o seu papel como figuras de apego. Estas formacións orientarán aos proxenitores sobre como comunicarse cos seus fillos e orientalos e apoialos dende a educación afectivo-sexual".
Ademais de involucrar ás familias nun aspecto fundamental da educación dos adolescentes, as charlas deseñadas pola consultora Asistogal daranlles ás familias ferramentas para identificar sinais de alarma nas conductas sexuais dos seus fillos.
Segundo precisa a responsable da área de Igualdade do Concello de Pontevedra, o programa Sexoven conta coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar do Goberno de España e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A iniciativa, baixo o lema de "Pracer ConSentido. Só si é si", inclúe o reparto de preservativos entre o alumnado dos centros.