Denuncian esperas de máis de dúas horas no PAC de Caldas durante o festivo
Por Redacción
Unha vez máis, o persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria de Pontevedra volven denunciar a falta de planificación por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para responder as demandas sanitarias durante as fins de semana.
Este sábado, xornada festiva, o PAC de Caldas traballou cun médico menos do previsto para este centro, segundo denuncia o persoal. O directivo de garda, a partir dunha chamada do equipo de garda, avisa que o segundo médico non estaba previsto para a fin de semana e, por tanto, un só facultativo tivo que facer fronte ás urxencias que se rexistraban nos municipios de Caldas, Cuntis, Moraña e Portas.
Ás 9.20 horas, o 061 alertaba ao médico de garda que tiña que acudir a un accidente de tráfico grave na estrada de Moraña. O traslado para atender esta emerxencia provocou que o médico se mantivese máis dunha hora fose do PAC, que quedou sen persoal sanitario. Once pacientes quedaban en sala á espera de que regrese da intervención. Ao longo da mañá do sábado, rexistráronse 43 atencións ata as 15.00 horas e a media de espera foi de dúas horas nese PAC, segundo denuncia o persoal.
A esta situación súmase que tanto o PAC de Vilagarcía como o do Centro de Saúde da Parda en Pontevedra seguen contando cun médico menos dos previstos para estas xornadas. En lugar dos 3 inicialmente asumidos polo SERGAS, só traballan dous tanto nas quendas de mañá como de tarde.
Os traballadores do equipo do PAC de Caldas denunciaron esta incidencia ante o directivo de garda e responsables da planificación para que conste por escrito esta situación, á espera de que se adopten solucións no futuro.
Relacionadas:
-
Cuntis fártase dos problemas de persoal no centro de saúde e anuncia mobilizacións
Por Redacción |
-
Persoal do PAC da Parda denuncia unha nova situación de colapso ao longo deste domingo
Por Redacción |
-
Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |