As 'Depoandainas' pechan o ano con máis de 2.000 participantes
Por Redacción
Unha marcha pola Ruta da Pedra e da Auga en Ribadumia supuxo esta fin de semana o fin das 'Depoandainas' de 2019 organizada pola Deputación de Pontevedra.
O roteiro, de 7 quilómetros de distancia e cunha dificultade baixa, finalizou na Armenteira, onde os participantes tiveron tempo para descansar e coñecer o Mosteiro de Santa María, declarado Ben de Interese Cultural. Ademais, como actividade complementaria, as persoas rexistradas gozaron dunha pequena charla sobre os muíños que miraron durante o percorrido.
Esta 'Depoandaina' completou as súas 300 prazas dispoñibles como colofón a un programa provincial no que participaron este ano máis de 2.000 persoas, segundo sinalan desde a administración.
Ademais deste roteiro, o resto de marchas organizadas para fomentar hábitos de vida saudable en contacto coa natureza e promover os recursos turísticos foron as da Fervenza da Toxa (Silleda), paseo fluvial marismas de Catoira, parque forestal Illa da Toxa e roteiro de pasarelas Pedras Negras (O Grove), o parque A Canuda e paseo fluvial Illa Fillaboa- Baixo Tea (Salvaterra), Bosque encantado (Aldán-Cangas) e o roteiro ás Illas Cíes e Monte de Santa Trega e Roteiro dos Muíños do Folón (O Rosal e A Guarda).