Este luns 14 comeza a campaña de vacinación contra a gripe, que este outono chegará antes
Por Anxo Lourido
Desde este luns 14 de outubro ata o 27 de decembro estará en marcha a campaña de vacinación antigripal, destinada ás persoas en situación de risco da provincia.
Ángeles Feijoo-Montenegro, xefa territorial de sanidade, xunto a Sonia Fernández-Arruty, directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra presentaban esta campaña de vacinación contra un virus da gripe que se espera que se adiante respecto a outros anos a tenor do que sucedeu no hemisferio sur.
Segundo expoñía Fernández-Arruty agárdase que en novembro se rexistre un índice de positivos por gripe nos centros hospitalarios das Rías Baixas. Por este motivo, adiantouse a campaña xa que a vacina precisa de tres semanas en crear os anticorpos.
Galicia adquiriu 615.000 dose de vacinas antigripais que se repartirán atendendo á demanda nos diferentes centros sanitarios, 180.000 dose máis que en 2018. Na provincia establecéronse 250 puntos de vacinación.
A partir da cuarta semana desta campaña, desde os departamentos de enfermería van chamar a poboación que ten idades comprendidas entre os 65 e os 74 anos, que aínda non se vacinara e tamén se avisará por SMS se o Sergas ten o teléfono rexistrado.
Na área de Pontevedra e O Salnés administráronse durante a campaña de 2018 un total de 85.808 dose. Este ano inclúense entre os grupos de risco que deben vacinarse aos menores de 6 meses que naceran prematuros, con menos de 32 semanas de xestación, e incorporáronse tamén ás persoas con trastornos de coagulación.
Sonia Fernández-Arruty lembrou que a vacina antigripal é das máis seguras e non causa a enfermidade. Ademais, resulta unha das que menos efectos adversos produce. Explicou que, de rexistrarse, adoitan ser efectos leves, que duran entre 24 e 48 horas, e que provocan unha inchazón na zona de inxección, que se rebaixa aplicando frío local.
A consellería de Sanidade manterá durante activa a web temática https://gripe. sergas. gal/ para ofrecer información ás persoas interesadas.