Despois do martes de choiva, volve o sol ata a fin de semana
Por Redacción
A choiva que caeu de xeito insistente durante as primeiras horas deste martes 8 de outubro xa quedou atrás. Durante a tarde xa deu paso a ceos anubrados e, para este mércores, en Pontevedra e as Rías Baixas en xeral xa non queda rastro da auga. Esta metade de semana será seca e con influencia anticiclónica e non se agarda que a choiva volva facer acto de presenza ata a fin de semana.
Segundo as predicións de Meteogalicia, para este mércores agárdanse ceos pouco anubrados ou despexados en xeral, aínda que ocasionalmente tornarán con nubes e claros. A xornada comezará con intervalos de nubes baixas, para dar paso a ceos pouco anubrados ou despexados. Haberá máis predominio do anticiclón e a estabilidade a partir do mediodía.
As temperaturas serán normais para as mínimas -poderán baixar ata os 11 graos- e altas para as máximas respecto ó habitual nesta época do ano. Este mércores, os termómetros poderán chegar ata os 22 graos nas Rías Baixas. En xeral, en toda Galicia as temperaturas mínimas sufrirán un moderado descenso, e as máximas quedarán sen cambios ou con lixeiros descensos.
De cara aos vindeiros días, non haberá cambios significativos no ceo e tamén as temperaturas mínimas seguirán sen cambios. As máximas irán en ascenso lixeiro, de maneira que para este xoves agárdanse mínimas de 10 e máximas de ata 25 e para o venres a predición fala dunha oscilación os termómetros en Pontevedra entre os 12 e os 24 graos.
Xa coa vista posta na fin de semana, o sábado Galicia comeza a quedar na influencia das baixas presións localizadas ao noroeste que deixarán un réxime de ventos do suroeste, con posibilidade dalgún orballo na franxa atlántica e tempo seco no resto. Para o domingo agárdase o paso dunha fronte fría, polo que aumenta a probabilidade de chuvias e as temperaturas sufrirán un significativos descenso despois dos valores máis cálidos do sábado.