A Deputación e a Ruta do Viño Rías Baixas estudarán como potenciar o enoturismo en 2020
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra e a Ruta do Viño Rías Baixas estudarán accións para seguir a potenciar Rías Baixas como destino de enoturismo durante o vindeiro ano 2020.
Así o deu a coñecer este martes a institución provincial despois da reunión celebrada este martes entre o deputado provincial dos Centros de Investigación da Deputación, Manuel González, e o presidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas e da asociación Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araújo.
Manuel González amosou o compromiso da Deputación co sector vitivinícola como un dos eidos produtivos punteiros da provincia e coa promoción dun turismo baseado na enoloxía e o apoio ás actividades da Ruta do Viño, enfocadas a promoción dun produto de calidade como o albariño e á promoción do destino turístico Rías Baixas a través do mundo do viño.
Ao encontro tamén asistiron o secretario e a xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Ramón Huidobro e Lorena Varela.
Manuel González convidou aos directivos de Rías Baixas a promocionar o seu produto e actividades no stand que a Deputación terá na feira gourmet Etiqueta Negra, que se desenvolverá o vindeiro mes de novembro en Pontevedra.