A senda verde entre parroquias e os locais para novos creadores na rúa Serra, proxectos previstos para 2020
Por Redacción
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, anunciaba este luns, tras a Xunta de Goberno, que o Concello ten previsto ter preparadas as contratacións que quedan pendentes da estratexia europea Edusi para o primeiro semestre do ano 2020.
Trátase de oito novos proxectos entre os que destaca a creación dunha senda verde interparroquial tanto para peóns como para ciclistas que una a todas lasparroquias do municipio. A idea é que os fondos Edusi, cunha achega de 200.000 euros, sirvan de lanzamento para desenvolver esta proposta.
Outra das iniciativas é a creación dun mercado para emprendedores situado nos baixos da rúa Serra, un proxecto que se relaciona co Campus Crea e co obxectivo de rehabilitar toda a contorna do Mercado de Abastos. Este proxecto contaría con 460.000 euros para a rehabilitación de espazos comerciais e o arranque da actividade.
Tamén están previstas outras propostas como os Camiños Escolares na periferia do centro urbano, cun investimento de 266.000 euros; a posta en marcha de aplicacións tecnolóxicas para fomentar o patrimonio histórico-artístico e cultural de Pontevedra, cunha dotación de 333.000 euros; a restauración ambiental e do patrimonio en espazos naturais fluviais, con 600.000 euros; a posta en marcha dun Plan de Igualdade, ao que se destinan 133.000 euros; un laboratorio de infancia, con 133.000 euros; e o acondicionamento e equipamento do edificio social Centro Sur, con 1.540.000 euros.
Ademais, o Concello, segundo avanzou a concelleira, atópase en condicións de elaborar as primeiras solicitudes de pago. Está previsto certificar, de acordo co Goberno estatal, durante este ano unha cifra de 3.750.000 euros e o Concello, segundo explicou Gulías, ten preparada unha certificación de 3.821.394 euros.
A cantidade está relacionada coa potenciación de aplicacións móbiles para percorrer a Illa do Covo (Illa das Esculturas), con 200.000 euros; a reforma da rúa do Gorgullón con 1.870.000 euros; 990.000 euros para a ponte do Burgo; ademais da mellora do pavillón da Xunqueira e do Mercado.
O Concello vai solicitar que se abra a plataforma para que se poidan presentar varias solicitudes de pago de forma consecutiva, porque as certificacións só permiten un millón de euros por solicitude.
Outros proxectos Edusi que se atopan en proceso de tramitación administrativa son o parque forestal da Fracha, pendente dun informe da consellería do Medio Rural; o núcleo de centralidade de Tomeza; do pavillón da ONCE e o proxecto de transporte a demanda.
Relacionadas:
-
Así é o mercado de novos creadores que se proxecta na Rúa Serra
Por Alejandro Espiño |
-
Máis cambios no Burgo: reforma da Santiña e nova dirección para a Avenida da Coruña
Por Alejandro Espiño |
-
A Rúa do Muíño comeza a transformarse nun espazo peonil
Por Redacción |
-
Monte Vivo creará un anel verde para protexer a cidade e os núcleos rurais
Por Alejandro Espiño |
-
A nova varanda da ponte do Burgo colocarase a partir do 9 de outubro
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Pontevedra baseará no transporte a demanda a súa proposta para o transporte urbano
Por Alejandro Espiño |
-
As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción |
-
EC Casas, elexida para reformar O Gorgullón
Por Redacción |