Protesta do persoal de limpeza do campus
Por Oskar Viéitez
As traballadoras da empresa de limpeza Star Servizos protagonizaron este luns unha concentración diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A secretaria comarcal de CIG- Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, explicou que estas traballadoras reclaman o pago dos atrasos pendentes derivados da actualización salarial do convenio colectivo.
As traballadoras afectadas aproveitaron a presenza do reitor da Universidade de Vigo para mobilizarse e visualizar deste xeito a problemática que padecen.
Desde a CIG-Servizos de Pontevedra explican que o convenio provincial de limpeza, que se asinou o pasado mes de xuño, recollía unha subida salarial con efectos retroactivos para todo 2018 e 2019. Nese momento produciuse a adxudicación do concurso de limpeza da Universidade de Vigo, no que Star Servizos quedou coa concesión do campus de Pontevedra e de Torrecedeira en Vigo.
Posteriormente quedou fóra do concurso por problemas administrativos, e pactou co comité de empresa (maioría de independentes) que non vai pagar os atrasos en tempo e forma, senón que o fará en 12 mensualidades. "Pero faino sen presentar ningunha documentación que xustifique que ten débedas cos clientes, como aseguran", denuncia CIG-Servizos.
Desde Star Servizos xustificáronse ante o persoal aducindo que teñen perdas "pero este non é un problema dos traballadores do Campus, que cumpren coas súas obrigas", dixo Diana Rodríguez.
Agora vén de ingresar as nóminas do mes de outubro tamén sen actualizar, polo que as débedas con cada un dos 40 traballadoras (31 en Pontevedra e 9 en Vigo) ascenden a ao redor de 1.000 euros. "Diante disto, pedimos que lles reteñan a fianza, pero non contestáronnos; e estamos á espera de que entre a nova empresa, xa que estaba previsto que ou fixese en outubro, pero aínda non sabemos nada", finalizan desde a CIG.
Na protesta tamén chamaron a atención en que o novo concurso público para obter a concesion do servizo de limpeza "volve saír outra vez adxudicada unha empresa que baixa o orzamento que fai o campus para limpeza" unha rebaixa que entenden que estas ofertas económicas tan baixas derivan en problemas "porque non son capaces de asumir os compromisos de pago de salarios coas traballadoras".