Pontevedra mantén a idea de destapar o Gafos, pero farao "cando veñan, se veñen, os brotes verdes"
Por Natalia Puga
O proxecto para destapar o tramo soterrado do río dos Gafos o seu paso polo barrio de Campolongo vén de atrás, mesmo se incluíra no avance do PXOM agora paralizado e Vaipolorío fíxoo unha das súas principais demandas. Non obstante, é unha obra que ano tras ano vai quedando no caixón. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou este venres que ao Concello non se lle esquece a idea, mantén a súa intención de executala, pero, de momento deberá esperar a unha época de maior bonanza económica.
"Para cando veñan, se veñen, os brotes verdes", indicou Lores durante unha visita ao paseo fluvial do río Gafos acompañado por técnicos municipais e a concelleira de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro.
Esta ironía do alcalde vén xustificada porque, segundo explica, "é moi complicado" e "é unha obra de enxeñería que é moi custosa".
O proxecto non será nin a curto nin a medio prazo, pero xa se sabe que afectaría a un tramo de 515 metros que transcorren canalizados debaixo do parque de Campolongo ata que volve saír á luz na rúa Rosalía de Castro, en concreto, entre as rúas Alcalde Hevia, Igrexas Vilarelle e Xeneral Rubín.
Antes de que se execute esta reapertura da canle pode chegar outro proxecto que Lores ten para o tramo urbano do Gafos e que consistiría en ampliar o paseo fluvial actual dende a estación de autobuses ata O Marco e, máis alá, ao río Tomeza.
O alcalde avanzou este proxecto, que afectaría a un tramo de entre 700 e 800 metros, e explicou que para facelo sería necesaria a colaboración do ente público da Xunta de Galicia Augas de Galicia.
A obra sería compicada porque, entre outros aspectos, requiriría expropiar terreos dun asentamento chabolista situado detrás da estación de autobuses e que "afean a entrada á cidade" e "impiden desfrutar dunha xoia que temos nesa zona, a ponte medieval do Couto, que está tapada polo despezamento e non se pode visitar".