Para navalla, a de Lourido
Por Redacción & Diego Torrado
A ausencia de choivas e os ceos despexados e temperaturas suaves desta fin de semana están a animar a participación na Festa de Exaltación da Navalla, que chega este ano á súa sétima edición organizada pola Asociación de Amigos da Navalla de Lourido co reto de repartir 800 racións, uns 500 quilos.
A festa comezou este sábado e prolongarase ata a noite deste domingo na contorna da praia de Lourido, onde se instalou unha carpa de degustación que non deixou de recibir xente desde a súa apertura para gozar das diferentes preparacións bivalvo que ofrece a organización.
A navalla pódese gozar en Lourido á prancha -doce unidades por 9 euros-, en empanada -5 euros- e en tortilla -a 3 e 10 euros- e tamén se prepararon en paella. Por 6 euros a ración, o comensal pode gozar dun prato de arroz con marisco e navalla. Ademais, non falta na carpa a opción de tomar unha tapa de polbo.
A música é parte fundamental da programación. Se na noite deste sábado o grupo Azabache amenizou a carpa situada na estrada da praia, este domingo a Escola de Música Tradicional poñerá o toque musical nas primeiras horas de actividade e a partir das 15.00 horas será a quenda das danzas aéreas de Rebeca Santos e a actuación da cantante Marieta.
Este domingo, a carpa estará aberta entre as 12.00 horas do mediodía e as 21.00 horas pola noite, aínda que o horario poderá alongarse mentres dure o produto.