Un centenar de xinetes estrean a Ruta Cabalar de Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas estrea este ano unha Xuntanza Cabalar que se desenvolve durante toda esta fin de semana na Carballeira da Chan en Caritel e que, na súa primeira actividade, xa logrou a participación dun cento de xinetes.
A cita comezou este sábado cunha ruta cabalar na que máis de 100 xinetes fixeron un percorrido de 22 quilómetros. Os pasos da Fraga, os Camiños Arrieiros, a Castrelada, os viveiros de Pazos e o pincho na Calzada foron algúns dos espazos dos que puideron desfrutar todos os participantes nesta cita.
A ruta contou en todo momento coa presenza dun veterinario, que estará na Xuntanza ao longo de toda a fin de semana, e cun ferrador que ofreceu durante toda a xornada asistencia para os participantes nesta ruta. Rematado o percorrido, os xinetes poderán desfrutar da cea que terá lugar na Carballeira da Chan en Caritel, e a continuación, da actuación do Dúo Prisma.
Este domingo 6 de outubro a actividade comezará ás 10.00 horas cunha exhibición de saltos a cargo do Centro Ecuestre Atlántico, ás 11.00 será a quenda da exhibición de doma a cargo de Hípica Amazonas e ás 12.00 haberá unha xincana de xinetes.
Esta Xuntanza Cabalar ten como fin dar resposta a unha demanda da veciñanza de Ponte Caldelas, un pobo, que tal e como lembra o alcalde "ten unha enorme tradición ecuestre".
Dende o concello animan a todo o mundo a que participen nesta I Xuntanza. O alcalde agarda que este domingo a cita conte cunha alta participación e sexan moitos os que acudan a desfrutar deste espectáculo en Ponte Caldelas.