Mosquera apela á educación, a humanidade e a ética do PP e roga que retire unha foto de Lores durmindo no Parlamento
Por Natalia Puga
César Mosquera compareceu este sábado ante os medios de comunicación como membro do goberno local -concelleiro de Infraestruturas- e como amigo persoal do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para pedir ao portavoz do PP local de Pontevedra, Rafa Domínguez, e ao partido a nivel galego que retiren das súas redes sociais unha foto difundida a semana pasada na que se ve ao rexedor durmindo durante o Debabe do Estado da Autonomía no Parlamento de Galicia despois de pasar a noite no hospital coa súa nai.
"Por educación, humanidade, por ética, polo que sexa..." pediu Mosquera, pero a cuestión é que esa foto deixe destas publicada nos perfís oficiais do PP e do seu portavoz pontevedrés.
A foto en cuestión retrata a Lores durmindo e difundiuna Rafa Domínguez nos seus perfís o día 25 de de setembro, pero rapidamente fixéronse eco da mesma concelleiros pontevedreses, cargos do PP e a propia conta oficial de Twitter do Parlamento de Galicia. O que non detaballan nesa publicación é que Lores quedou durmido porque esa noite durmira no hospital coa súa nai, que faleceu días despois, esta semana, por unha grave enfermidade.
O propio Lores chegou a pedir desculpas por durmirse nunha publicación en redes sociais na que explicaba "Pasei as últimas noites no hospital. Síntoo, son humano". A crítica de Mosquera este sábado refírese, precisamente, ao feito de que o PP mantivese esa publicación no seu día e a siga mantendo máis dunha semana despois a pesar de que xa se sabía cal era a situación persoal do alcalde nese momento no Parlamento.
O concelleiro nacionalista fixo esa petición ao PP para que retire a foto a título persoal, pois xa lle pareceu un "detalle moi feo" que se publicase, pero cre que é peor que non a retire despois de saber as circunstancias persoais do alcalde nese momento.
"Pode ser un erro ou non, pero ainda hoxe está nas redes (...) despois de todo o que sucedeu", sinala Mosquera, que leiga a rogar ao PP para que retire a foto. Engade que " nin sequera" é necesario que se desculpen, senón que o que lle pide é que deixe de estar publicada a polémica imaxe.
Segundo explica, en privado tanto Rafa Domínguez como outros dirixentes do PP déronlle as condolencias a Lores polo falecemento da súa nai e moitos déronlle o pésame en persoa no tanatorio, pero publicamente ningunha das contas oficiais do partido en Pontevedra trasladou ese pésame e a publicación seguía "exactamente igual" en Facebook e Twitter á primeira hora deste sábado. PontevedraViva puido comprobar esa circunstancia, pero non difundirá a foto por respecto á situación persoal de Lores, como tampouco se fixo eco da mesma a semana pasada.
Mosquera tamén explicou que ese día Lores acudiu ao Parlamento porque o convidou expresamente o presidente do Parlamento, o 'popular' Miguel Ángel Santalices. A pesar da situación persoal que estaba a pasar, fixo o esforzo para acudir, de modo que, segundo deu a coñecer Mosquera, o propio Santalices trasladoulle en persoa e por teléfono que está "profundamente molesto" pola difusión desa foto.
Respecto diso, Mosquera indicou que Santalices trasladoulle ao alcalde que as normas do Parlamento son estritas e ninguén podía facer esa foto, pois tan só poden fotografar ese momento os fotógrafos autorizados pola Cámara. Segundo púidose saber, fíxoa, neste caso, unha persoa do staff do PP.
Mosquera aproveitou a súa comparecencia para trasladar unha mensaxe do alcalde, que agradece a todas as persoas que o acompañaron estes días o seu afecto e agarimo e aos medios de comunicación o "trato exquisito" que lle deron nos últimos tempos a pesar de que moitos sabían que estaba a pasar unha etapa complicada, cunhas condicións familiares complexas nas que, á delicada saúde da súa nai, sumáronse máis complicacións que forman parte da súa intimidade.
Recoñece que houbo momentos nos últimos meses nos que estivo "pouco brillante" por todas esas "preocupacións" e asegura que ahora atópase "ben" e quixo dar o seu agradecemento.