A renovada contorna do colexio Vilaverde, desde o aire
Por Redacción
A contorna do colexio Vilaverde de Mourente presenta desde hai escasos días unha nova imaxe e, sobre todo, unhas mellores condicións de seguridade viaria. O Concello de Pontevedra dá por rematada a actuación e este sábado acaban de facerse públicas unhas imaxes aéreas que permiten comprobar a nova paisaxe.
A actuación supuxo reparar os servizos (pluviais e fecais), crear unha plataforma única, mellorar o espazo para estacionamento de autobuses, a sinalización horizontal e vertical, a instalación de pasos elevados (lombos), e asfaltado en vermello de toda a zona, creando unha área de coexistencia e preferencia peonil.
O Concello recepcionou nos últimos días a actuación, finalizada no comezo deste curso escolar e que está previsto completar cunha ampliación cara a avenida de Lugo.
Segundo informou o goberno local este sábado, están a redactar ese novo proxecto ampliatorio, que se faise necesario por tratarse dun centro de ensino cun alto volume de matrículas (arredor de 450 escolares), ao nivel de colexios como Froebel, Álvarez Limeses ou Campolongo.
Esta obra fora adxudicada á empresa Elsamex, cun orzamento inicial de 158.670 euros que tivo que ser ampliado para reparar os servizos (actuación que non estaba prevista inicialmente).
O concelleiro Alberte Oubiña valorou que no Concello están "moi contentos" co resultado final e anunciou que teñen previsto acometer actuacións de mellora da seguranza viaria en dous colexios máis do rural, no de Santo André de Xeve e no de Campañó.
O proxecto da actuación no colexio de Campañó está sendo redactado e farase público nas vindeiras semanas, pero a mellora da contorna do centro escolar de Xeve aínda está nunha fase menos avanzada porque ten a particularidade de que afecta a estradas de titularidade autonómica, polo que a xestión é máis complexa.
Oubiña enmarcou estas novas actuacións na intención do Concello de "continuar a mellorar a contorna dos centros escolares e realizar actuacións de seguranza viaria". "Agardamos continuar mellorando a seguridade peonil dos rapaces que se continúan achegando a diario aos centros escolares", engadiu.