Vía libre para a expropiación de 25 leiras afectadas pola nova senda peonil da PO-531 en Alba
Por Redacción
A Xunta deu esta semana vía libre ás expropiacións das 25 leiras necesarias para a execución do proxecto de execución dunha senda na estrada autonómica PO-531, no lugar da Devesa, na parroquia pontevedresa de Alba.
Este itinerario conta cun investimento autonómico de case 800.000 euros, incluído o orzamento destinado ás expropiacións.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para este proxecto, que supón crear un itinerario peonil de quilómetro e medio.
A Xunta ten prevista a licitación do contrato de obras a finais deste ano para executalas a continuación.
A senda permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, nunha lonxitude próxima aos 1.500 metros e tamén se executará unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda, naquelas zonas onde haxa espazo suficiente; a rede de drenaxe de augas pluviais; unha pasarela sobre o Rego Castrado; e muretes de contención de terras para ampliación da plataforma, onde sexa necesario.
Esta obra complementa á de mellora da seguridade viaria que está en execución, sumando un orzamento conxunto superior aos 1,3 millóns de euros na estrada PO-531, na zona da Devesa.
Relacionadas:
-
En primavera comezarán as obras para crear a senda peonil e ciclista na PO-531 no lugar da Devesa
Por Redacción |
-
A Xunta abre o proceso de expropiación para construír unha senda peonil na Devesa
Por Redacción |
-
Licitadas as obras para crear a senda peonil entre Alba e San Caetano
Por Redacción |
-
Conclúen as obras de construción da nova rotonda da PO-531
Por Redacción |