A rehabilitación integral dos Baños do San Xusto será unha realidade en 2020
Por Redacción
A recuperación paisaxística e a rehabilitación integral das augas termais e dos Baños do San Xusto será unha realidade a finais do vindeiro ano 2020. Así o anunciou este venres o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que deu a coñecer que o Concello formalizou o contrato de obras.
A obra foi adxudicada á empresa Coviastec por 590.000 euros. A actuación licitouse por un importe de 684.000 euros e finalmente a semana pasada aprobouse a adxudicación a esta empresa, que propuxo unha baixa do 6% sobre o orzamento base.
O Concello poñerá en marcha a partir de agora todos os preparativos para asinar a acta de replanteo e dar comezo ás obras, que teñen certa complexidade ao tratarse dunha zona de río con gran valor patrimonial, no derradeiro trimestre deste ano.
En principio, e tal e como anunciou o rexedor, agárdase que estean rematadas a finais do próximo exercicio, xa que a adxudicataria ofertou doce meses como prazo de execución.
Cubela valorou este venres que se trata dun "momento histórico" e destacou que houbo "moito esforzo" de negociacións para conseguir que que a Consellería de Medio Ambiente, ao abeiro do primeiro Pacto Pola Paisaxe de Galicia, aportara os case 600.000 euros do proxecto.
"Xa nos queda agardar impacientes a que comecen as obras para recuperar un espazo moi importante da nosa historia e do noso patrimonio", manifestou.
O proxecto consiste na rehabilitación da antiga minicentral, os edificios e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas ao aire libre. Está prevista a rehabilitación da antiga minicentral como balneario para o uso de augas sulfurofluoradas, a recuperación dos catro muíños e da casa do muiñeiro para a súa conversión en saunas e as edificacións anexas para locais de hostalaría.
Tamén haberá espazos de lecer con plataformas de madeira, fontes cubertas para poder beber as augas, posta en valor de todos os elementos patrimoniais e etnográficos e mellora dos accesos e a urbanización. A maiores, vaise proceder a unha reordenación da zona, mantendo as antigas bañeiras ou reconstruíndoas a partires das súas propias trazas co obxectivo de que poidan ser empregadas de xeito libre.
Relacionadas:
-
PP, PSOE y BNG de Cerdedo-Cotobade apoian as obras de Baños do San Xusto tras a denuncia de Andrés Díaz
Por Redacción |
-
Comezan as obras que converterán os Baños do San Xusto en balneario con pozas públicas
Por Redacción |
-
Os orzamentos de 2020 primarán o emprego, os servizos sociais e os investimentos
Por Redacción |
-
Feijóo e Cubela pactan un investimento de nove millóns en Cerdedo-Cotobade ata 2023
Por Redacción |
-
Os Baños de San Xusto reconverteranse en balneario, saunas e pozas termais
Por Redacción |